A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou na clausura do 36º Congreso da Unión Europea de Ciclismo

Ángeles Vázquez destaca o ciclismo como un deporte saudable, respectuoso co medio ambiente e unha boa opción para gozar das paisaxes únicas de Galicia

A Xunta agradece á organización que elixise Galicia para celebrar este evento pois converteuna en referente europeo desta modalidade deportiva

A vicepresidenta segunda en funcións pon en valor a variada oferta existente na comunidade con medio cento de rutas cicloturistas que permiten gozar de experiencias moi diversas en contacto coa natureza

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2024

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, participou hoxe na clausura do 36º Congreso da Unión Europea de Ciclismo (UEC) onde destacou este deporte como unha opción saudable, respectuosa co medio ambiente e ideal para gozar das paisaxes únicas que agocha Galicia.

A responsable autonómica agradeceu aos organizadores -a propia UEC, a Real Federación Española de Ciclismo e o Club Vigo-Rías Baixas- que elixisen Santiago como sede desta edición, o que converteu á comunidade desde o pasado venres ata hoxe en referente europeo deste deporte.

Ángeles Vázquez salientou os valores que difunde esta actividade e lembrou que o evento comezou co plantado dun bidueiro no Bosque de Galicia, na Cidade da Cultura, que exemplificará para sempre a aposta do ciclismo polo medio ambiente e por unha práctica sostible libre de contaminación, o que contribúe ao mesmo tempo á conservación da natureza e da súa biodiversidade.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda en funcións puxo en valor o visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, deseñado pola Xunta e que inclúe 52 rutas cicloturistas que suman máis de 2.300 quilómetros nos que se pode coñecer a diversa natureza da comunidade e gozar de experiencias únicas en contacto con ela.

De feito, unha das actividades incluídas dentro do congreso foi unha exposición desta ferramenta, coa que os máis de 200 asistentes procedentes de arredor de 50 federacións europeas puideron descubrir as excelentes paisaxes galegas que se poden ver ao realizar calquera destes itinerarios.

O 36º Congreso da Unión Europea de Ciclismo, que conta co apoio da Xunta, permitiu analizar as citas máis importantes deste deporte no vindeiro ano, como os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, que se celebrarán este verán, o calendario de campionatos europeos nos próximos meses ou a oferta de turismo de bicicleta.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2024