A Xunta ofrece 650 prazas esta Semana Santa para coñecer as Illas Cíes e Ons con rutas guiadas gratuítas

Preto de 300 prazas están dispoñibles en liña na central de reservas do Parque Nacional e o resto asignaranse no mesmo día nas casetas de información das illas

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque nacional, pretenden dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia

Todos os itinerarios, entre os que se inclúen algúns específicos para menores de idade, están pensados para grupos reducidos cos que garantir unha experiencia de calidade e personalizada promovendo ao mesmo tempo a preservación da contorna

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia ofrece durante esta próxima Semana Santa un total de 650 prazas para coñecer as illas Cíes e Ons, a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Delas, preto de 300 poden reservarse xa en liña a través da central de reservas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas mentres que o resto estarán dispoñibles de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas.

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer aos visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna natural.

Unha das rutas dispoñibles é Cíes, illa das paisaxes, programada para os días 23, 24, 30 e 31 de marzo tanto en horario de mañá como de tarde, de arredor de dúas horas de duración que permitirá coñecer os distintos espazos e atractivos da illa e que concluirá no miradoiro da Pedra da Campá ou no do Alto do Príncipe.

Outra opción é Ons, unha illa de dúas caras, prevista para os días 24, 29, 30 e 31 de marzo ao mediodía. Esta ruta, tamén de dúas horas de duracións, transcorre pola parte central da illa, pasa polas inmediacións do faro e percorre distintas paisaxes como os barrios aínda habitados, praias ou cantís, entre outros.

Estas rutas están pensadas para adultos, pero a oferta do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia tamén inclúe propostas máis familiares recomendadas para menores de idade, de entre os 5 e os 12 anos. As rutas, denominadas A vista de paxaro, serán o día 25 de marzo en Ons e o 27 de marzo en Cíes e nelas as rapazas e rapaces -que deberán ir acompañados dunha persoa adulta- vivirán unha experiencia participativa coa que as aves lles irán presentando a paisaxe das illas.

Este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons veñen ofrecéndose de forma case ininterrompida coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.

Oferta complementaria

Nesta liña, o parque nacional ofrece esta primavera de forma complementaria un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos -Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada-, co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta ao verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.

E, a maiores, en todas as illas, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos. Adicionalmente, no caso de Ons pódese facer a ruta sur de forma autoguiada a través do folleto Os nomes da illa, e outras dúas temáticas: Arqueoloxía en Ons e a Ruta do lagarto.

Tal e como se recolle no Plan reitor de uso e xestión do parque, a Semana Santa é un dos períodos do ano, xunto cos meses de verán, no que se permite o transporte regular en barco aos arquipélagos de Cíes e de Ons, previa autorización por parte da Xunta.

En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é imprescindible tamén adquirir un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por correo electrónico ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2024