A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu hoxe o Comité galego de caza

O período xeral da tempada de caza comezará o 20 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro de 2025

Belén do Campo subliñou que este ano, por primeira vez e en aras da simplificación administrativa, se renovou xa automaticamente a licenza de preto de 3.000 persoas

Na reunión valoráronse tamén diferentes propostas con respecto ao adestramento de cans e as súas limitacións, como durante os períodos de cría máis sensibles

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

A nova tempada de caza arrancará en Galicia o 20 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro do vindeiro ano, con carácter xeral. Así se propuxo ante os membros do Comité galego de caza, que, como cada ano por estas datas, se reuniron para analizar o contido da normativa que regulará as épocas hábiles para a práctica da actividade cinexética, as medidas de control por danos e os réximes para cada especie de cara á tempada 2024-2025.

A xuntanza estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e contou coa participación dunha ampla representación das organizacións de cazadores así como doutros grupos e sectores vencellados á actividade cinexética en Galicia e de organizacións non gobernamentais de conservación da natureza.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica lembrou que todas as propostas debatidas hoxe polos membros do comité serán avaliadas a continuación pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para a súa incorporación, se procede, na resolución anual mediante a que se regula a actividade cinexética de cara á tempada 2024-2025.

Ademais, subliñou que este ano, por primeira vez e en aras de avanzar cara á simplificación administrativa, a Xunta renovará de xeito automático as licenzas de caza de persoas maiores de 65 anos ou que estean a punto de cumprilos, un colectivo para o que, recordou, estes permisos xa son gratuítos. Polo de agora, indicou que en febreiro e no que levamos de marzo se enviaron xa case 3.000 licenzas por carta, unha medida coa que se aforran “tempo, custos e desprazamentos innecesarios aos cidadáns”.

Períodos hábiles por especies

Durante o período hábil xeral da próxima tempada de caza, do 20 de outubro deste ano ao 6 de xaneiro de 2025, permitirase o exercicio da actividade os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.

Para as distintas especies de caza menor, no caso da arcea e agacha, o período xeral irá tamén do 20 de outubro ao 6 de xaneiro do ano que vén —aínda que poderá ampliarse ata o 9 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial (RCE) que o soliciten— os xoves, domingos e festivos. Para a lebre, a tempada estenderase do 20 de outubro ao 24 de novembro de 2025, os xoves, domingos e festivos en terreos de RCE.

No tocante ao paspallás e ao pombo torcaz, a tempada coincidirá co período hábil xeral, a excepción da media veda nos tecores da Antiga Lagoa de os Antela, que discorrerá entre o 24 de agosto e o 15 de setembro, os sábados e domingos.

O período xeral na modalidade de batida para a caza do raposo abranguerá do vindeiro 1 de setembro ata o 19 de outubro e do 7 de xaneiro de 2025 ata o 9 de febreiro, os xoves, sábados, domingos e festivos.

Ademais, no caso das aves, establécese a veda de charrela, avefría, rula turca e común, pato cullerete, gaivota escura, gaivota arxéntea, pomba brava, pomba zura e gralla cereixeira; mentres que outras aves de caza menor se rexerán polo período hábil xeral.

Caza maior: corzo e xabaril

No relativo ás especies de caza maior, os machos adultos de corzo poderán capturarse en terreos en réxime cinexético común entre o 19 de agosto e o 14 de outubro, os sábados en batida/montaría, e todos os días da semana na modalidade de axexo.

En terreos en réxime cinexético especial, o período xeral abranguerá do 17 de agosto ata o 19 de outubro —todos os días da semana na modalidade de axexo e os sábados, domingos e festivos na de batida/montaría—, podendo cazarse tamén en axexo desde o 1 de abril ata o 31 de xullo do próximo ano.

As femias adultas de corzo permanecen vedadas con carácter xeral, permitíndose a súa caza puntual por danos e tamén nos tecores se está tecnicamente xustificada de acordo coa situación real da poboación en cada tecor, podendo escollerse entre dous períodos: do 7 de setembro de 2024 ao 19 de outubro ou do 7 de xaneiro ao 15 de febreiro de 2025.

Polo que respecta ao xabaril, no réxime cinexético común o período xeral de caza abranguerá do 17 ao 31 de agosto deste ano e do 7 de xaneiro ao 23 de febreiro de 2025, os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro deste ano ao 5 de xaneiro do vindeiro os sábados, nas modalidade de batida, montaría e espera. Así mesmo, no réxime cinexético especial a tempada irá do 17 de agosto ao 23 de febreiro de 2025, os xoves, sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida, montaría e espera.

Para o cervo, o gamo e o muflón, en réxime cinexético especial, o período xeral abranguerá do 15 de setembro ao 19 de outubro deste ano na modalidade de axexo todos os días da semana, podendo cazarse en batida/montaría xoves, sábados, domingos e festivos no período comprendido entre o vindeiro 20 de outubro e o 5 de xaneiro.

No caso da cabra montés, o período hábil establécese en dous tramos en función de que a caza se exerza sobre machos selectivos e femias adultas en descaste ou sobre machos trofeo, autorizándose en ambos casos a modalidade de axexo.

Por último e noutra orde de asuntos, os membros do Comité galego de caza valoraron distintas propostas relativas ao adestramento de cans de caza e as súas posibles limitacións, como o adestramento en períodos de máxima sensibilidade para a cría das especies silvestres, en zonas de seguridade e de caza permanente ou cans atrelados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024