A Xunta axuda con máis de 644.000 € a varias entidades sociais da cidade de Pontevedra

O delegado territorial visitou a Asociación Filantrópica Boa Vida que recibiu unha achega de máis de 310.000 €

As axudas buscan financiar iniciativas de formación, adaptación, inclusión e coidado das persoas máis vulnerables

Pontevedra, 15 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da Asociación Filantrópica Boa Vida, en Pontevedra, con motivo das axudas outorgadas para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social.

Estas achegas deixaron nesta asociación dedicada ao fomento da inclusión social e á redución das desigualdades, máis de 310.000 euros que serán destinados a diversos proxectos que buscan mellorar a vida dos seus usuarios a través de iniciativas de dixitalización, busca de emprego, alfabetización, asesoramento e adaptación social para persoas migrantes.

En total, na área territorial de Pontevedra benefícianse destas axudas 11 entidades distintas que se reparten máis de 1 millón de euros, dos cales 644.000 euros quedan en cinco asociacións afincadas na cidade de Pontevedra.

O delegado territorial agradeceu o “imprescindible traballo” levado a cabo na Asociación Filantrópica Boa Vida e asegurou que “este tipo de entidades fan un traballo impagable que reverte directamente a favor de aqueles que máis o precisan”.

Reguera aproveitou para lembrar a “aposta decidida da Xunta polas políticas sociais e o coidado dos máis vulnerables”. Neste sentido, a consellería de Política Social conta este ano cun orzamento de máis de 1.205 millóns de euros, un 12 % máis que no pasado exercicio.

Esta aposta do goberno autonómico pon no foco ás persoas dependentes, de baixos recursos ou en risco de exclusión, pero tamén a aqueles que sofren as consecuencias do deterioro da saúde dos seus familiares. Así, cabe destacar o aumento do Bono Coidado no fogar, polo que a Xunta facilita unha axuda de 5.000 € ao ano (416 €/mes) para o coidado da persoa con dependencia na casa, independentemente do nivel de renda e do grao de dependencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024