A Xunta licita as obras de mellora da mobilidade peonil nas estradas PO-548 e PO-192, entre Bamio e Carril, en Vilagarcía de Arousa, por case 330.000 €

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, establecendo que as empresas poderán presentar ofertas ata o 10 de abril

A Consellería de Infraestruturas prevé comezar estes traballos no verán e rematalos a principios do vindeiro ano, dado o prazo estimado en 5 meses

Habilitarase un itinerario para garantir a seguridade na conexión a pé entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos

Executarase un acceso ao cemiterio, que se sitúa á marxe contraria da beirarrúa, cun paso de peóns regulado cun semáforo e unha pasarela de baixada ao cemiterio

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

A Xunta licitou hoxe as obras de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa, por un investimento de case 330.000 €.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta contratación á que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de abril.

A Xunta prevé comezar estes traballos no verán e rematalos a principios do vindeiro ano, dado o prazo de execución, estimado en 5 meses.

A intervención ten como obxectivo resolver a configuración da intersección entre estas dúas vías autonómicas para favorecer a seguridade e mobilidade peonil entre estes núcleos do municipio arousán e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade.

Habilitarase un itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado, posibilitando a conexión a pé entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos.

O percorrido aproveita un treito antigo de estrada que se acondiciona como paseo peonil, completándose a senda pola beira da PO-192 e do viario municipal da gasolineira. Deste xeito conséguese comunicar as parroquias de Bamio e Carril, dando acceso peonil ao cemiterio de Carril, considerado un foco de atracción de desprazamentos na zona.

En concreto, a actuación iniciarase onde finalizan as beirarrúas do Salgueiral, cruzan a estrada cun paso sobreelevado para non afectar a un petróglifo existente na beiravía. A partir deste punto, a senda discorrerá en paralelo á PO-192 e ao viario municipal que dá acceso á gasolineira. O percorrido proseguirá polo viario municipal ata alcanzar o paso inferior que salva a variante de Carril (VG-4.7).

Unha vez pasada a estrutura, crúzase a calzada mediante outro paso de peóns sobreelevado para dirixirse a un camiño que se acondiciona con formigón coloreado e ancho de 2 metros, protexéndose o desnivel cunha varanda metálica. A continuación, o percorrido discorrerá sobre a estrada antiga ata alcanzar a beirarrúa existente en Carril.

Para acceder ao cemiterio de Carril é necesario cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro para isto. A intervención que hoxe se licita prevé a execución dun paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador, ademais de complementar as escaleiras actuais cunha rampla executada mediante unha pasarela de madeira.

Ademais, para garantir a seguridade dos peóns no tránsito pola senda, a intervención complétase coa inclusión de iluminación pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024