O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o calendario e o procedemento de adxudicación nos centros da rede pública autonómica

A Xunta abre mañá o prazo para solicitar praza nas súas escolas infantís de 0 a 3 anos de cara ao vindeiro curso 2024-2025

Hai de prazo ata o 5 de abril para cursar as peticións para as 10.500 prazas ofertadas

Como novidade, este ano as familias cuxos proxenitores traballen terán máis puntuación á hora de acceder ás escolas

O novo curso comezará o 6 de setembro e por terceiro ano a atención educativa será gratuíta para o 100% do alumnado e en todos os centros da comunidade, con independencia da súa titularidade

 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a apertura do prazo para que as familias que o desexen soliciten praza nas escolas infantís da Xunta para o vindeiro curso 2024-2025. Ofértanse arredor de 10.500 prazas de 0 a 3 anos distribuídas entre os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O novo curso comezará o vindeiro día 6 de setembro.

O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá sábado ata o 5 de abril e estas poderán remitirse de xeito electrónico a través da sede da Xunta de Galicia ou acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais. Este ano, como novidade, as familias cuxos proxenitores traballen terán máis puntuación á hora de acceder ás escolas. Desta forma, terán máis facilidades para atender ás súas necesidades de conciliación. 

Coincidindo coa publicación no DOG do calendario de matriculación, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá a escola infantil de Paderne de Allariz (Ourense). Alí lembrou que este ano será o terceiro no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos e en todas as escolas infantís da comunidade, con independencia da súa titularidade. 

O Goberno galego inviste 60 millóns de euros este ano na gratuidade, da que se poden beneficiar unhas 31.000 familias e para as que esta medida supón un aforro medio de 2.000 euros por curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024