A Xunta apoiará ao sector dos ascensores no seu impulso e modernización

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, interveu en Santiago na xornada ‘Oportunidades do programa de mellora da accesibilidade’

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, na 2ª xornada Oportunidades do programa de mellora da accesibilidade organizada pola Asociación Empresarial Galega de Ascensores (Aega).

Na súa intervención, o secretario xeral ofreceu á asociación e ao sector a colaboración da Xunta para mellorar a seguridade e as prestacións que ofrecen tanto ao tecido empresarial como á cidadanía. Neste sentido, avanzou que o Goberno galego traballará no eido da concienciación a través do plan de fomento e difusión da seguridade industrial. O obxectivo é protexer tanto ás persoas como as instalacións e bens, achegando tamén unha maior confianza.

Nicolás Vázquez explicou que Galicia conta con 62.000 ascensores do millón
-aproximadamente- que están instalados no país e avogou por traballar no eido da accesibilidade, a seguridade, a eficiencia enerxética e a innovación e dixitalización para mellorar o sector e seguir impulsado o seu crecemento e desenvolvemento.

O secretario xeral finalizou subliñando o papel activo da Aega non só polo impulso que está dando ao sector, senón tamén pola boa marcha das empresas -que empregan a máis de 4.300 persoas- e das experiencias dos usuarios, pois ofrece un servizo 24 horas todos os días do ano.

Na xornada tamén participou o xefe da unidade técnica da Área da Coruña do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Valeriano Rosales, que indicou que este mes se publicará unha nova convocatoria das axudas para mellorar a accesibilidade de diferentes inmobles de tipo residencial. Cun orzamento de case 9,5 millóns de euros, o obxectivo é facilitar a adaptación tanto exterior como interior de edificios e vivendas ás necesidades de persoas con algún tipo de discapacidade, física, sensorial ou intelectual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2024