Os concellos poderán solicitar a partir de mañá as axudas da Xunta para rehabilitar edificios e vivendas destinados a alugueiro a prezos accesibles

Cunha dotación global de 2,2 M€, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá chegar a cubrir ata o 95% do custo das obras, cun límite de 57.000 € por subvención

A orde conta con dous programas diferenciados, un dirixido a restaurar edificios públicos en municipios de menos de 20.000 veciños e outro a garantir a habitabilidade de vivendas en concellos con poboación inferior a 10.000 habitantes

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

Os concellos galegos poderán acollerse a partir de mañá ás axudas da Xunta para financiar actuacións de rehabilitación en edificacións de titularidade municipal e infravivendas públicas ou privadas co obxectivo de dedicar as vivendas resultantes a alugueiro a prezos accesibles.

Así se recolle na resolución da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e pola que se fixan as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións para este ano.

Cun orzamento global de algo máis de 2,2 millóns de euros, a convocatoria de 2024 inclúe dous programas diferenciados aínda que co obxectivo común de apoiar ás entidades locais galegas na execución de obras de rehabilitación con fins residenciais para atender as necesidades da súa poboación e, en especial, para facilitar o acceso a un fogar de familias e persoas con escasos recursos económicos.

Concretamente, resérvanse 1,85 millóns de euros ás axudas a concellos de menos de 20.000 habitantes para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal destinadas a alugamento social. A Xunta poderá chegar a subvencionar ata o 95% da actuación con incentivos de 50.000 euros con carácter xeral ou de 55.000 euros se a edificación está nun centro histórico ou nos Camiños de Santiago, contías que se incrementarán ata os 52.000 e os 57.000 euros, se o inmoble pertence a unha das sete Áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe) declaradas en Galicia.

Ademais, os adxudicatarios das vivendas resultantes deberán ser persoas ou familias que teñan ingresos inferiores a 2,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem), é dicir, 21.000 euros ao ano.

En canto á outra liña de axudas, o programa de infravivenda, vai dirixida a municipios de menos de 10.000 habitantes e, polo tanto, eminentemente rurais. Cun orzamento asignado de 370.000 euros, a Xunta cubrirá tamén ata o 95% das obras —cun límite de 15.000 euros— destinadas a rehabilitar elementos exteriores, mellorar as condicións estruturais, a seguridade ou a accesibilidade dos inmobles ou garantir a habitabilidade.

Os concellos poden acollerse a estes incentivos para recuperar vivendas que formen parte do seu patrimonio co fin de alugalas a familias con poucos recursos —ingresos ponderados que non superen 1 vez o Iprem— ou tamén para axudar con carácter de urxencia a veciños que residan nunha infravivenda e carezan de medios propios cos que financiar as obras necesarias para garantir a habitabilidade do seu domicilio.

Neste último caso, as entidades locais beneficiarias deberán acreditar que algún dos residentes é propietario da mesma, que nin el nin ningún dos outros habitantes posúen outra vivenda en propiedade, e que os ingresos —ponderados en función do número de membros que integre a unidade de convivencia— non superan os 8.400 euros anuais.

Entre ambas liñas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) estima que poderá axudar a concellos a rehabilitar máis de 60 vivendas destinadas a alugueiro a prezos accesibles no conxunto da Comunidade.

352 vivendas recuperadas desde 2016

A Xunta convoca con periodicidade anual subvencións para restaurar infravivendas no rural e edificios de titularidade municipal destinados a alugueiro social desde 2016 e 2017, respectivamente.

Neste período, o IGVS destinou case 10 millóns de euros a apoiar a máis dun cento de concellos na recuperación de 352 vivendas, das que 200 foron froito da rehabilitación de inmobles municipais en desuso ou abandonados, como as antigas vivendas de mestres; e as outras 152 eran vivendas en contornas rurais —habitadas ou non— cuxo estado de conservación facía necesaria unha intervención que garantira a súa habitabilidade. 

Data de actualización: 14/03/2024