A Xunta anuncia a autorización de patrimonio cultural para urbanizar o polígono 3 de Navia e avanza nas obras de ampliación do plan parcial do PAU

O Goberno galego trasladou ao Concello o informe favorable condicionado da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

A resolución indica que deberá conservar os muros de pedra da horta catalogada e aumenta a densidade de árbores do aparcamento

Ana Ortiz e Heriberto García avanzaron o visto e prace á nova fase do barrio vigués durante un percorrido por Navia

“Os traballos de urbanización para poñer a disposición dos vigueses 201 vivendas de promoción pública no polígono 1 de Navia marchan a bo ritmo”, sinalou a delegada

Vigo, 14 de marzo de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, anunciaron este xoves que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural comunicou xa ao Concello de Vigo o visto e prace ao proxecto de urbanización do Polígono 3 do Plan Parcial San Paio de Navia. Así o avanzaron os representantes autonómicos durante unha visita ás obras do Polígono 1 que comezaron o pasado mes de outubro.

“Os traballos de urbanización deste ámbito para poñer a disposición dos vigueses un total de 201 vivendas de promoción pública marchan a bo ritmo, pero ademais xa hai autorización para urbanizar un novo polígono”, sinalou a delegada territorial.

O departamento de Patrimonio Cultural aprobou o documento para urbanizar un dos tres polígonos que delimita a 2ª Modificación Puntual do Plan Parcial de Navia.  O documento para a aprobación inicial é un proxecto de obras que define as actuacións de execución da urbanización segundo a ordenación establecida no planeamento aprobado. O informe favorable autoriza o proxecto e indica varias condicións.

Desta maneira apunta que se deberá incorporar os muros de pedra existentes da horta catalogada ás zonas verdes do polígono. Ademais, deberase incrementar a densidade de árbores do aparcamento na fronte ao camiño dos Pelamios.

Pola súa banda, Heriberto García apuntou que o seu departamento “xa licitou todos os contratos” correspondentes á promoción das 201 vivendas proxectadas no polígono 1 por un importe global de algo máis de 40 millóns de euros. Así mesmo, lembrou que neste mesmo ámbito de Navia o IGVS tamén prevé construír outras 58 VPP, cofinanciadas con fondos europeos e nas que o investimento estimado ascende a case 14 millóns de euros.

Proxecto do Polígono 1

Ana Ortiz e Heriberto García fixeron un percorrido polas obras que se están a levar a cabo no Polígono 1 do Plan Parcial San Paio de Navia. Os traballos comezaron o pasado mes de outubro e se prolongarán durante todo o ano 2024 para poñer a disposición dos vigueses solo urbanizado sobre o que desenvolver novas vivendas de promoción pública e privada.

Ata o momento, no Polígono 1 realizáronse traballos de despexe e desbroce do terreo, transplante de árbores a conservar en futuras zonas verdes, poda e limpeza das árbores e plantas que se conservan, tratamento de especies invasoras, demolición das edificacións e muros, xestión dos residuos das demolicións, así como inicio do movemento de terras coa escavación de terra vexetal, escavación de desmonte e o recheo en parcelas.

No PAU de Navia, a Xunta promoverá ata 1.600 vivendas protexidas cun investimento público-privado superior aos 260 millóns de euros. En concreto, 201 vivendas públicas -que estarán destinadas en exclusiva ao alugueiro- hai que engadir outras 526 que serán vivenda protexida pero impulsadas por promotores privados. Ademais, o Goberno galego vai sacar a concurso este ano 98 parcelas nesta zona para que os promotores poidan construír ata 331 vivendas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2024