Nova edición do Blue Atlantic Forum (BAF) no Parador de Baiona

A Xunta pon en valor a axenda da Economía Azul de Galicia como folla de ruta para seguir avanzando cara a sustentabilidade

O Goberno galego está ultimando o deseño dun documento estratéxico que recolle os obxectivos marcados pola Unión Europea e que ten como finalidade manter a Galicia como referente no desenvolvemento dunha economía azul responsable e sostible

O BAF está dirixido a profesionais, expertos e estudantes co obxectivo de crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántica-europea

Desde hoxe ata o día 15 abordaranse en diferentes relatorios e mesas redondas aspectos vencellados aos sectores con maior impacto na economía azul: enerxías renovables mariñas, turismo, pesca, acuicultura e biotecnoloxía mariña

Baiona (Pontevedra), 13 de marzo de 2024

A Xunta destaca no Blue Atlantic Forum a posta en marcha da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia como documento estratéxico a través do cal establecer a folla de ruta para avanzar cara a sustentabilidade e manter a comunidade como referente internacional e exemplo de boas prácticas neste ámbito. Así o expuxo o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, na benvida institucional aos participantes neste congreso onde salientou a transparencia e participación dos sectores implicados na elaboración desta iniciativa que recolle, a súa vez, as directrices europeas marcadas no Pacto Verde Europeo e nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas (ODS).

O Parador de Baiona acolle desde hoxe ata o vindeiro día 15 de marzo a terceira edición deste evento, organizado polo Concello de Baiona e cofinanciado pola Xunta, dirixido a profesionais, expertos e estudantes co obxectivo de crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántica-europea. Nesta nova edición abordaranse a través de relatorios e mesas redondas protagonizas por expertos dos ámbitos da administración pública, empresarial e do académico, aspectos vencellados aos sectores de maior impacto na economía azul: enerxías renovables mariñas, turismo, pesca, acuicultura e biotecnoloxía mariña.

O director xeral de Pesca puxo en valor a innovación, a tecnoloxía e a transferencia de coñecemento así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a inclusión de colectivos vulnerables como pancas esenciais do desenvolvemento azul de Galicia. Só con esa visión, dixo, lograremos mellorar as condicións de vida da sociedade a través da produción sustentable de alimentos, posta en valor da cultura mariñeira, o aproveitamento das enerxías renovables ou a mobilidade sostible, integrando aos diferentes sectores empresariais grazas a complementariedade e compatibilidade das distintas actividades económicas.

Gran potencial

A estratexia elaborada polo Goberno autonómico establece un conxunto de actuacións para propiciar un salto económico sustentable en Galicia cara unha transición xusta, resiliente e sustentable co fin de facer fronte aos importantes desafíos ambientais e contribuír a alcanzar os obxectivos determinados pola Comisión Europea para a economía azul: neutralidade climática e contaminación cero, descarbonización do transporte marítimo, actividade pesqueira e marisqueira e ecoloxización dos portos. Aspectos que abordou o representante da Consellería do Mar na mesa redonda baixo o título A economía azul como facilitador estratéxico do territorio na que tamén participou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.

Os sectores tradicionais da economía azul xeran en Europa un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e ao redor de 4 millóns de empregos. Un eido no que Galicia conta cun enorme potencial dado que a nosa comunidade é a primeira potencia pesqueira europea e representa cerca do 50% do emprego neste sector a nivel español sendo tamén referente internacional en canto a exportación de produtos do mar, situándose por diante de países como Xapón ou Islandia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/03/2024