A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou unha vivenda adquirida en Valdoviño co apoio do Executivo galego

A Xunta axudou en 2023 a preto de 270 familias a mercar a súa vivenda habitual cun investimento de algo máis de dous millóns de euros

Estas achegas concedéronse ao abeiro das liñas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, de compra de vivenda en centros históricos e de acceso a vivenda protexida 

Ángeles Vázquez lembra que este ano hai unha nova convocatoria de apoios para as tres modalidades e que aínda está aberto o prazo de solicitude 

A vicepresidenta segunda en funcións salienta que estas medidas buscan facilitar o acceso da cidadanía a un fogar e que son especialmente necesarias en poboacións pequenas para contribuír ao asentamento de xente moza nelas así como ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural

Valdoviño (A Coruña), 13 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia axudou o ano pasado a 267 familias a mercar a súa vivenda habitual cun investimento de algo máis de 2 millóns de euros. Fíxoo a través das achegas para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, as subvencións para a adquisición de vivenda en centros históricos ou as destinadas a vivenda protexida. 

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, visitou en Valdoviño unha das vivendas compradas ao abeiro dos apoios para acceder a unha vivenda en municipios de menos de 10.000 habitantes onde salientou que o obxectivo destas axudas é facilitar na medida do posible o acceso a un fogar da cidadanía galega. 

Por iso, lembrou que estas tres liñas de subvencións se reeditan este ano e que o prazo de solicitude aínda está aberto pois comezou en febreiro e estenderase ata o 31 de outubro ou ata que se esgote o crédito dispoñible, que é de 3,5 millóns de euros.

A responsable autonómica incidiu en que estas achegas se enmarcan no Pacto social pola vivenda de Galicia, aprobado a comezos do ano 2021, co que a comunidade marcou a folla de ruta dos seguintes anos en canto ás políticas públicas en materia residencial.  

A modalidade de axudas que contou con máis beneficiarios en 2023 foi a destinada a mozas e mozos de ata 35 anos que adquiran a súa residencia habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes. O Executivo galego concedeu 215 achegas -cun importe máximo de 10.800 euros para a compra de vivendas de ata 120.000 euros- por un importe global de máis de 1,5 millóns de euros. 

A Xunta tamén concedeu 42 subvencións -de ata un máximo de 15.000 euros- para o acceso a unha vivenda en propiedade en centros históricos, ás que destinou máis de 360.000 euros. Mentres,  aprobáronse 10 axudas para a adquisición de vivenda protexida -por un importe de ata 20.000 euros- que sumaron un investimento de 128.000 euros. 

Zonas rurais

A vicepresidenta segunda en funcións puxo en valor que estas medidas buscan facilitar o acceso da cidadanía a un fogar e que son especialmente necesarias en poboacións pequenas para contribuír ao asentamento da mocidade nelas así como ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural. 

A vivenda que visitou Ángeles Vázquez pertence a unha moza que se beneficiou dunha axuda de 7.000 euros -ao abeiro da liña para concellos de menos de 10.000 habitantes- para adquirir a súa primeira vivenda, que será a súa residencia habitual, nunha contorna rural, no lugar de Caneiro (Valdoviño). Trátase dunha vivenda unifamiliar dun único andar e algo máis de 100 metros cadrados construídos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2024