A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presentou hoxe en Ribadeo este avance administrativo

A Xunta licita por 280.000 € o estudo para avaliar alternativas para a mellora do saneamento no núcleo urbano de Ribadeo co fin de ter redactado o proxecto construtivo da máis eficaz no verán de 2025

Vázquez Mourelle concreta que se prevé adxudicar o contrato no 4º trimestre, iniciar os traballos este ano e ter redactado o proxecto da solución escollida no verán do vindeiro ano

Trátase de actuar na rede de saneamento, que na súa maior parte é unitaria, o que fai que a capacidade do colector sexa insuficiente en tempo de choiva, provocando alivios

A solución podería pasar, entre outras, pola execución dun tanque de tormentas na zona portuaria, prevéndose un investimento de máis 3 M€ nas intervencións necesarias

O estudo debe considerar as singularidades deste municipio, onde parte da carga de augas residuais xeradas se atopan na zona da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, autonómica, e outra parte na do Cantábrico Occidental, estatal

As empresas teñen de prazo ata o 26 de abril para presentar ofertas a este contrato

Estas actuacións sumaranse a outras executadas en Ribadeo, como a depuradora que a Xunta explota desde 2011, cun investimento previsto de máis de 18 M€ ata 2030

Na comarca da Mariña, o Goberno galego tamén optimizou o saneamento de Viveiro, coa ampliación da depuradora e a mellora do saneamento de Celeiro, cun orzamento de 8 M€

A Xunta está a impulsar a mellora do saneamento de Foz, coa rede de colectores e a depuradora, cun investimento de 12 M€; e mobilizará 13 M€ no saneamento de Burela

Ribadeo (Lugo), 13 de marzo de 2024

A Xunta licita por 280.000 euros o estudo para avaliar alternativas para a mellora do saneamento no núcleo urbano de Ribadeo co fin de ter redactado o proxecto construtivo da máis eficaz no verán de 2025.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presentou hoxe en Ribadeo este avance administrativo que dá resposta á solicitude do Concello, no marco da colaboración que se vén mantendo.

O obxectivo do contrato é elaborar e desenvolver as propostas para mellorar o saneamento do núcleo urbano de Ribadeo. As empresas teñen ata o 26 de abril para presentar ofertas.

Vázquez Mourelle concretou que a previsión é adxudicar o contrato no 4º trimestre, iniciar os traballos este ano e ter redactado o proxecto da solución escollida no verán de 2025.

Trátase de actuar na rede de saneamento no núcleo urbano, que na súa maior parte é unitaria, o que fai que a capacidade do colector sexa insuficiente en tempo de choiva, provocando alivios ao medio.

A extensión de rede supera os 60 km de colector, entre rede unitaria, fecais e pluviais, onde o punto máis problemático é o aliviadoiro da estación de bombeo de augas residuais do Mariñeiro, no peirao de Porcillán, na zona do porto. Neste sentido, minimizaranse os alivios á ría de Ribadeo cun alto valor ambiental.

Indicou que a solución podería pasar, entre outras, pola execución dun tanque de tormentas na zona portuaria, prevéndose un investimento de máis 3 M€ nas intervencións necesarias.

Ethel Vázquez sinalou que o estudo debe considerar as singularidades deste municipio, onde parte da carga de augas residuais xeradas se atopan na zona da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, de responsabilidade autonómica, e outra parte na demarcación do Cantábrico Occidental, estatal.

Ademais, parte das actuacións a acometer para mellorar o saneamento están en zona de dominio público marítimo-terrestre, dependente de Costas do Estado, o que implica maior complexidade administrativa.

Aposta polo saneamento das rías

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta investiu máis de 1.100 M€ para mellorar a calidade das augas das rías, conscientes da importancia para actividades económicas como a pesca, a acuicultura, o marisqueo ou o turismo.

Detallou que na comarca da Mariña, construíuse a depuradora de Ribadeo que explota a Xunta desde 2011, o que supón un investimento previsto de máis de 18 M€ ata 2030; e optimizouse o saneamento de Viveiro, coa ampliación da depuradora e a mellora do saneamento de Celeiro cun orzamento de 8 M€.

Engadiu que tamén se están a impulsar os traballos de mellora do saneamento de Foz, coa nova rede de colectores e a depuradora, cun investimento de máis de 12 M€; e se mobilizarán máis de 13 M€ no saneamento de Burela, coas obras do colector xeral e da estación de bombeo xa adxudicadas, e avanzando no convenio co Concello para executar a nova depuradora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2024