A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou nun acto da campaña ‘Somos especiais, reciclamos’ en Ferrol

A Xunta salienta o intenso labor de clubs do deporte galego como o Racing de Ferrol a prol da reciclaxe e da concienciación social neste eido

 O club ferrolán adhírese á campaña Somos especiais, reciclamos e fomentará no estadio da Malata a recollida selectiva de envases ca instalación de 76 papeleiras e contedores para uso dos 7.000 afeccionados que acoden a cada partido 

Ángeles Vázquez destaca a importancia dunha colaboración que xa se mantén con outras entidades como o Club Deportivo Lugo e o Club Baloncesto Breogán e que permitiu recuperar ata o momento máis de 20.000 envases de distintos materiais

A vicepresidenta segunda en funcións puxo en valor os avances da comunidade na recollida selectiva, que aumentou un 40% desde 2017 no caso do contedor amarelo e un 20% no do azul, ao tempo que se reduciu a presenza de residuos impropios

Ferrol, 13 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia salienta o compromiso e o intenso labor que realizan os clubs do deporte galego a prol da reciclaxe e da concienciación social neste eido mediante a súa colaboración en campañas como Somos especiais, reciclamos, á que se adheriu hoxe o Racing Club de Ferrol. 

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, destacou a importancia de fomentar a reciclaxe nas instalacións deportivas e puxo en valor este tipo de accións que promoven o compromiso co medio ambiente do conxunto da cidadanía.

A responsable autonómica detallou que esta iniciativa -na que colaboran o Executivo galego, o club ferrolán, o Concello e Ecoembes- fomentará a reciclaxe no estadio da Malata desde esta fin de semana ata finais da tempada coa instalación de 76 novas papeleiras e contedores -azuis e amarelos- que facilitarán a reciclaxe selectiva de envases plásticos, briks, latas, papel e cartón. Deste xeito promoverase a conciencia medioambiental entre os 7.000 afeccionados que asisten a cada partido.  

A vicepresidenta segunda en funcións agradeceu o compromiso do Racing Club de Ferrol con esta acción, na que participan xa desde o ano pasado o Club Deportivo Lugo e o Club Baloncesto Breogán, unha colaboración que permitiu recuperar ata o momento máis de 20.000 envases de plástico, latas, briks, papel e cartón.    

Ángeles Vázquez puxo de relevo que estas campañas contribúen a sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre a necesidade de coidar e conservar o medio ambiente contribuíndo a acadar unha Galicia máis verde e de futuro. 

Iniciativa

A campaña Somos especiais, reciclamos forma parte do acordo de colaboración entre a Xunta e Ecoembes co fin de impulsar a economía circular en Galicia e sensibilizar a sociedade galega sobre a importancia de reciclar. Neste sentido, o Executivo galego realizou anteriormente accións formativas e de limpeza en materia de recollida con outros clubs deportivos galegos como o RC Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Liceo de hóckey a patíns, o Santiago Futsal ou o Leyma Coruña de baloncesto. 

A vicepresidenta segunda en funcións puxo en valor que este tipo de colaboracións contribúen a mellorar as taxas de recuperación dos residuos de envases, un hábito que cada vez está máis instaurado nos fogares. De feito, a recollida selectiva de envases no contedor amarelo incrementouse case un 40% desde 2017, e un 20% no caso do contedor azul, reducíndose cada vez máis a proporción de residuos impropios depositados neses colectores. 

Ángeles Vázquez defendeu a necesidade de avanzar nesta estratexia para converter Galicia nun verdadeiro refuxio climático apostando polas boas prácticas en materia de reciclaxe coa unión entre deporte, compromiso e sensibilización ambiental. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2024