A Xunta licita por 1,3 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Nigrán e de Gondomar

Actuarase nas estradas PO-340, PO-331 e PO-332

As intervencións consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

Como actuacións complementarias inclúense a reposición de pasos sobreelevados e o pavimentado da zona de aparcamento

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas para executar estas obras ata o vindeiro día 8 de abril

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras en verán e telas rematadas este mesmo ano

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando este ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por importe de 1.348.550 euros as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas PO-340, PO-331 e PO-332 ao seu paso polos concellos de Nigrán e de Gondomar.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 8 de abril.

O obxectivo da Xunta é adxudicar os traballos no mes de xuño e iniciar as obras no verán para telas executadas neste mesmo ano.

As intervencións incluídas neste contrato levaranse a cabo no treito da PO-340, a estrada Tui  e A Ramallosa, entre os puntos quilométricos 17+000 e 21+500; na PO-331, que une Torneiros e Gondomar, desde o quilómetro 14+460 ao 19+060; e no treito inicial da estrada PO-332, Nigrán-Vincios, do quilómetro 0 ao 8+560.

As actuacións teñen como obxecto a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 3 estradas.

Como actuacións complementarias inclúense a reposición de pasos sobreelevados e o pavimentado da zona de aparcamento, mediante a retirada do material granular existente ata una profundidade de 30 cm, para a continuación repoñer cunha sección de firme.

As actuacións completáranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

As actuacións obxecto deste contrato non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas están incluídas dentro da franxa de dominio público.

No que vai de ano a Xunta leva licitados traballos de mellora do firme nas estradas autonómicas por importe de preto de 20 M€.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 13/03/2024