A Xunta desenvolve estes días dúas novas xornadas formativas empresariais dirixidas a gandeiros en Lalín e Santa Comba

As charlas divídense en tres bloques formativos, centrados na xestión das explotacións a través da optimización fiscal e a formación económica

O módulo de hoxe está a desenvolverse no edificio multiusos da localidade coruñesa de Santa Comba, mentres que o de onte tivo lugar na pontevedresa de Lalín

Santa Comba (A Coruña), 12 de marzo de 2024

 A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organizou estes días dúas novas xornadas formativas para gandeiros, centradas na xestión das súas explotacións a través da optimización fiscal e a formación económica. O primeiro destes módulos, tamén enmarcado nas actividades sectoriais da Consellería do Medio Rural, tivo lugar onte no edificio polivalente do concello pontevedrés de Lalín e o segundo está a celebrarse ao longo do día de hoxe no edificio multiusos da localidade coruñesa de Santa Comba.

Ambas as dúas charlas dividíronse en horario de mañá e tarde para poder abordar os tres bloques formativos cos que conta o módulo, vinculados á mellora da xestión das explotacións. O primeiro deles versa sobre tributación básica e optimización fiscal. Participar neste módulo permitiralle aos alumnos coñecer as diferentes formas que teñen ao seu dispor para emprender e desenvolver a súa actividade gandeira a través das súas vantaxes e inconvenientes e a súa fiscalidade. Tamén, identificar medidas ou incentivos que facilitarán a súa optimización.

O segundo bloque céntrase na contabilidade para non financeiros e facilitará formación para comprender conceptos básicos que favorezan a súa toma de decisións e o deseño de estratexias relacionadas coa súa explotación gandeira. Tamén permitirá aos participantes ler os estados financeiros básicos (balance de situación e conta de resultados) e entender a súa relevancia para xestionar a súa actividade de modo dilixente. Así mesmo, poderán implantar ferramentas financeiras básicas que lles ofrezan información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do seu negocio.

Por último, o terceiro módulo formativo, titulado “xestionar de modo eficiente” terá por obxecto darlles a coñecer aos asistentes ferramentas informáticas que faciliten a xestión diaria do seu negocio. Tamén lles permitirá deseñar un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) cos que obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da súa explotación, que lles axudará na súa toma de decisións ao instante.

Data de actualización: 12/03/2024