Ana Ortiz salienta o carácter divulgativo do museo Salinae, o Centro Arqueolóxico do Areal de Vigo, tras recibir a visita de máis de 4.000 escolares

A delegada territorial visitou o xacemento que amosa a historia da única salina mariña de evaporación conservada e musealizada de todo o Imperio Romano

Vigo, 12 de marzo de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, visitaron este martes o Centro Arqueolóxico do Areal – Salinae, única salina mariña de evaporación conservada e musealizada de todo o Imperio Romano, despois de que o xacemento recibira un total de 4.129 visitas, na súa meirande parte de escolares, durante o ano 2023.

A representante autonómica acompañou ao alumnado de terceiro de Primaria do Colexio Andersen no seu percorrido polo xacemento. “Este museo da Xunta de Galicia é unha xoia no centro da cidade e supón un punto de máxima importancia divulgativa para todos os escolares de Vigo á hora de coñecer a pegada romana na cidade”, sinalou.

O xacemento, cuxo funcionamento data dos séculos I-III d.c, conta cunha superficie expositiva superior aos 300 m2 que permite entender o funcionamento da instalación salineira e como os romanos producían o sal na superficie das cubetas.

A delegada percorreu a galería previa, na que se pode contextualizar o mundo da romanización e a cultura das salinas descubrindo así o interesante mundo do sal, a súa historia, algúns dos sistemas empregados para a súa obtención e os diferentes usos que os romanos lle deron a este importante produto.

Unha secuencia fotográfica, acompañada dunha liña de tempo, amosa como se desenvolveu o descubrimento e estudo deste espectacular xacemento romano na cidade. Na sala destaca a reconstrución paisaxística do Areal e a ría daquela época.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2024