Catorce pemes levan á Feira Seafood Expo North America a calidade dos produtos do mar de Galicia co obxectivo de medrar en EEUU e Canadá

Boston (EEUU), 11 de marzo de 2024

Catorce pemes do sector marítimo pesqueiro galego están presentes na 42ª edición da Seafood Expo North America (SENA), a feira máis importante para o sector da transformación dos produtos do mar no continente norteamericano. O obxectivo destas pequenas e medianas empresas de Galicia é, amparadas no stand da Consellería do Mar, gañar cota de mercado tanto en Estados Unidos (EE.UU.) como en Canadá. Dez destas pemes repiten tras participar xa na cita celebrada en Boston o ano pasado.   

Entre as participantes están Fesba, Oversea Atlantic Fish; Buba Camarón; Marfrío; Pescados Rubén; Pereira Produtos del Mar; Interatlantic; Congelados Noribérica; Prodemar; A Pulpeira; Frioantartic; Pescapuerta; Salgado Frozen Congelados; e Cassua. Compartirán como coexpositores o stand da Xunta nunha edición do SENA que conta nesta ocasión con 23.200 m2 de superficie de exposición, un 5% máis que na do ano pasado, con presencia de máis de 1.200 empresas de medio cento de países, incluídos Alemaña, Acerbaixán, Kenia, Malaisia, Mauritania, Tanzania e Uganda; e unha maior presenza de países como China, Ecuador, de Estados Unidos, Xapón e Noruega.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 11/03/2024