O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse hoxe co ministro de Desarrollo Económico de Bos Aires e co encargado de negocios da Embaixada de España na Arxentina

A Xunta reforza a colaboración co Goberno da capital arxentina de Bos Aires para seguir favorecendo as relacións coa cidade do exterior con máis galegos

Mentres, no encontro co representante da Embaixada, avanzouse na coordinación para garantir a atención aos galegos residentes na Arxentina

En ambas xuntanzas, José González apostou por unhas administracións facilitadoras da actividade económica, con apoio especial ás pequenas e medianas empresas e aos negocios que contribúen a vertebrar o territorio

Fixo fincapé na necesidade de afondar nas medidas en materia de emprendemento, economía social ou formación para o emprego co gallo de xerar riqueza  

O programa da xornada de hoxe tamén inclúe senllas visitas ao Colexio Santiago Apóstol e ás instalacións da Obra Social de Ospaña en Bos Aires 

Bos Aires (A Arxentina), 29 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, remata hoxe a súa viaxe oficial pola Arxentina e polo Uruguai, que neste luns o levou a reunirse co ministro de Desarrollo Económico do Goberno da capital arxentina de Bos Aires, Roberto García Moritán, con quen reforzou a colaboración para seguir favorecendo as relacións entre Galicia e a que é a cidade do exterior con máis residentes galegos.

Os representantes autonómicos tamén se reuniron hoxe co encargado de negocios da Embaixada de España na Arxentina, Luis Tejada Chacón, para avanzar na coordinación de cara a lograr a atención efectiva dos galegos residentes nese país.

Nos encontros, tratáronse así asuntos de interese para as tres administracións implicadas coa colaboración e o apoio aos galegos residentes na Arxentina como base e pano de fondo. 

Encontros institucionais

Nas reunións, a delegación autonómica abordou cuestións como a estratexia que fixo a Galicia merecedora do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025, fundamentada en ferramentas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta que con 14 centros activos está conseguindo dinamizar a economía galega e fixando poboación, especialmente no rural. Con ese mesmo papel de vertebrar o territorio, aludiuse á importancia da economía social e á súa relevancia á hora de apostar pola inclusión sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade como as migrantes.

Os representantes institucionais consideraron clave a desburocratización e que as administracións sexan facilitadoras da actividade económica, con especial apoio ás pequenas e medianas empresas. De cara a lograr a súa continuidade, fíxose referencia ao Bono remuda da Xunta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, para sufragar parte dos gastos de transmisión que deben afrontar as persoas que deciden facerse cargo de negocios que ían pechar. 

Así mesmo, tratouse a importancia da formación para o emprego de cara a incrementar as oportunidades laborais das persoas en idade de traballar, así como da necesidade de axustala aos requirimentos concretos das empresas e aos perfís que demandan para dar resposta á falta de man de obra capacitada e especializada.  

Visita ao Colexio Santiago Apóstol e a Ospaña

A axenda oficial de hoxe tamén inclúe unha visita ao Colexio Santiago Apóstol, que destaca pola súa dedicación á educación de calidade para os descendentes de galegos na capital arxentina. 

A delegación autonómica tamén estará nas instalacións da Obra Social de Ospaña en Bos Aires, para agradecer o labor desta entidade sen ánimo de lucro a prol da cidadanía española no exterior.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024