Técnicos da Xunta viaxarán en maio a Zagreb para asesorar ao goberno local en políticas de xestión dos bosques urbanos no marco do proxecto europeo GIFT

 O Instituto de Estudos do Territorio participou esta semana nunha reunión de traballo con axentes territoriais galegos, tanto públicos como privados, implicados no desenvolvemento desta iniciativa para o impulso da infraestrutura verde

Convidouse aos participantes a colaborar no deseño dunha acción piloto a desenvolver en Galicia e para a que se solicitarán fondos europeos o próximo ano

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2024

Unha delegación integrada por técnicos da Xunta viaxará no mes de maio á cidade croata de Zagreb co obxectivo de asesorar ás autoridades locais no deseño e impulso de políticas relacionadas coa infraestrutura verde e, máis concretamente, coa xestión dos bosques urbanos.

A visita enmárcase no proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT) do programa Interreg Europe-FEDER, unha iniciativa de cooperación interrexional impulsada o ano pasado cun total de 10 socios e que lidera Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

O obxectivo do IET no marco do proxecto GIFT é acadar unha mellor xestión da paisaxe desde o enfoque da chamada infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

A tal fin, o IET participou esta semana nunha reunión de traballo, a segunda, con axentes territoriais interesados no proxecto e vencellados a diferentes departamentos da Administración autonómica e local, empresas, asociacións ambientais e forestais, comunidades de montes, asociacións e fundacións para o desenvolvemento de Galicia, representantes das reservas de biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo e Ancares lucenses, montañas de Cervantes, Navia e Becerreá, así como do centro de investigación de Lourizán e da Universidade da Coruña.

Durante o encontro, expuxéronse varios exemplos de “boas prácticas” desenvolvidos con éxito na Comunidade, entre os que cómpre citar unha experiencia de repoboación con frondosas en franxas de protección de incendios en varios núcleos de Ames ou o aproveitamento de resinas en terreos en man común do Monte Xalo.

Ademais, convidouse a todos os participantes a colaborar da man do IET no deseño da acción piloto do proxecto GIFT que se vai desenvolver en Galicia aplicando o enfoque de aprender facendo e para a cal se solicitarán fondos europeos o próximo ano.

Cómpre lembrar que a finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios, principios nos que se enmarca esta primeira visita dunha delegación galega a Croacia.

Precisamente, o carácter innovador do GIFT, que se desenvolverá ata o ano 2026, reside no enfoque integrado coas diferentes políticas sectoriais co que se quere abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, a conectividade e a recuperación da biodiversidade.

Case 2 M€ de orzamento

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante da Xunta—, este proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.

No proxecto, ademais da Xunta e da xa mencionada cidade de Zagreb, participan outras 8 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia) e a Universidade de Letonia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2024