A Xunta incorpora catro novos operadores ao selo Artesanía Alimentaria no marco da feira Merca delicadeza que se está a celebrar en Lalín

O mercado, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración co Concello de Lalín, comezou hoxe e abrirá en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 horas ata o domingo, 10 de marzo

Nesta primeira xornada, entregáronse as cartas de artesá a Xeou! Helados, Mamá Teresa, Quintián e Traloagro, catro empresas que se unen ao listado de operadores que forman parte do selo de Artesanía Alimentaria de Galicia

Este indicativo foi creado pola Xunta co obxectivo de defender o labor que desenvolven os artesáns, así como conservar e preservar as elaboración de produtos artesanais tradicionais tan arraigados dentro da cultura galega

A feira, na que estivo presente hoxe o alcalde de Lalín, José Crespo, contará coa celebración de varios sorteos de dous lotes de produtos con selo de Artesanía Alimentaria entre os compradores que se acheguen ao mercado

Lalín (Pontevedra), 8 de marzo de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entregou hoxe catro novas cartas a artesás a operadores que se unen ao selo de Artesanía Alimentaria, no marco da celebración da segunda edición de Merca Delicadeza en Lalín, na Praza da Igrexa. Este evento, que comezou hoxe, está organizado por dita Axencia en colaboración co Concello lalinense e conta cun horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 horas.  

Xeou! Helados (xeados), Mamá Teresa (repostería), Quintián (queixos) e Traloagro (elaboración de produtos cárnicos) son as novas empresas que se unen ao listado de operadores que xa formaban parte do selo Artesanía Alimentaria.

A Consellería do Medio Rural puxo en marcha este distintivo no ano 2020, na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Ademais, co fin de protexer o bo facer dos artesáns, busca defender a súa profesión ante etiquetaxes enganosos así como conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia.

A feira Merca Delicadeza

A segunda edición de Merca Delicadeza reúne a unha trintena de empresas integradas dentro do selo Artesanía Alimentaria de Galicia, onde poderán achegar os seus produtos artesanais ao consumidores. Esta cita, que foi un éxito na súa primeira edición, serve para resaltar o importante papel destes artesáns na produción alimentaria da nosa comunidade, favorecendo ao mesmo tempo á dinamización económica do sector a través de alimentos con selos de calidade diferenciada.

Esta mañá, o alcalde de Lalín, José Crespo, visitou o mercado e acercouse a algunhas das actividades incluídas na programación, destinadas para todos os públicos, con degustacións, catas e talleres levados a cabo por chefs e prescritores, acompañados polos propios produtores, e que porán en valor distintas elaboración con produtos de Artesanía Alimentaria.

Ademais, haberá sorteos de dous lotes de produtos con selo de Artesanía Alimentaria de Galicia entre os compradores que se acheguen ao mercado. Concretamente sortearanse todos os días ás 14,00 horas, e, pola tarde, celebraranse ás 20,00 horas tanto hoxe como mañá e ás 19,00 horas o domingo.

Presenza de Artesanía de Galicia

A maiores, Artesanía de Galicia estará presente a través de obradoiros nos que os participantes poderán experimentar da man dos propios artesáns as técnicas dos seus oficios empregadas na elaboración dos produtos. Os talleres, gratuítos e abertos a todos públicos, estarán impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, do obradoiro Peixesapop (Vigo) en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

O taller do venres céntrase na “Creación de cianotipias”, un procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, este exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian.

Mañá será a quenda para o obradoiro de “Papel marmolado”, no que os participantes poderán alcanzar orixinais formas mediante unha técnica gráfica que consiste en colorear unha folla de papel colocándoa en contacto con pigmentos non solubles que flotan nun recipiente de auga.

O obradoiro que se impartirá o domingo estará centrado no Gyotaku, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesá na que se fixa o recordo de obxectos tridimensionais a través da súa pegada.

Data de actualización: 08/03/2024