A Xunta declara catro novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica en explotacións bovinas da provincia de Ourense

Cómpre sinalar que nestes momentos existe unha vacina autorizada fronte ao virus da EHE, desenvolvida pola galega Zendal, que se espera que estea nos próximos días nos establecementos minoristas para a súa venda

Por parte da Consellería do Medio Rural lévanse facilitado indemnizacións en Galicia por valor de máis de 196.000 euros, por animais falecidos a consecuencia desta enfermidade

Trátase dunha doenza vírica que afecta ao gando bovino pero que non se transmite ás persoas nin é contaxiosa entre os animais

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de catro novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) na provincia de Ourense, que foron confirmados polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia. Estes focos están localizados nas comarcas veterinarias da Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Viana e afectan a 15 explotacións. Coa declaración destes novos, Galicia ten notificados focos en cinco comarcas veterinarias (a quinta é a de Verín), todas na provincia de Ourense, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.

A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta doenza aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Hai, polo tanto, un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Indemnización e axudas

A Consellería do Medio Rural foi unha das pioneiras neste sentido e habilitou en 2023 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continuará tamén en 2024. De feito, nestes momentos lévanse facilitado indemnizacións en Galicia por valor de máis de 196.000 euros. A estas sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o MAPA un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.

Cómpre indicar que, en Galicia, ao fin da pasada estación de circulación do vector, a Consellería rexistrou un total de 641 explotacións, sobre un censo superior ás 30.000 explotacións bovinas, nas que resultaron afectados 1.484 animais, cun índice de mortalidade do 1,09%.

Vacina desenvolvida por Zendal

Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que se espera poida estar dispoñible a finais deste mes de xullo para a súa dispensación en establecementos minoristas. É un medicamento suxeito a prescrición veterinaria, polo que será necesaria a presentación de receita.

Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto: 

Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.

No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
 

Data de actualización: 24/07/2024