O faro de Corrubedo abre este venres o ciclo de concertos ‘Mar aberto’ impulsado pola Xunta

A programación do festival organizado por Turismo de Galicia ábrese con Señora DJ, Ute Lemper e Marem Ladson e o 27 con Rapariga DJ, Céu e Brais Morán & Nasaufunk

O ciclo continuará en agosto, os días 2 e 3 no Faro Punta da Barca de Muxía con Mercedes Peón, Budiño, Mondra e Zeltia Irevire e rematará o 9 e 10 no Castelo de San Felipe en Ferrol con Mª José Llergo, Juno, Pemela Rodríguez e Lúa de Santana

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

A nova edición do festival Mar aberto, concertos na fin da terra, organizado por Turismo de Galicia como proposta turística do verán en lugares patrimoniais arranca este venres 26 no Faro de Corrubedo, en Ribeira, a cargo de Utel Lemper, Marem Ladson e Señora DJ. O sábado será a quenda de Céu, Brais Morán & Nasaufunk e Rapariga DJ.

O venres 26, a apertura de portas será ás 19:30 horas e ás 20,15 horas está prevista a  sesión dirixida por Señora dj, que dará paso á actuación da artista galega Marem Ladson. Aproximadamente ás  21,45 horas está previ artista alemá Ute Lemper subirá ao escenario para facernos gozar coa súa impresionante voz e facer un repaso dos seus máis de 30 anos de carreira. Haberá servizo de autobús de volta ao centro de Corrubedo ás 23:15 horas. Rematado o concerto, a festa continuará cunha última sesión de Señora dj que ata as 00:00 horas. O sábado 27 será a quenda de Céu, Brais Morán & Nasaufunk e Rapariga DJ.

Este festival é unha proposta diferenciada e única por tratarse de concertos íntimos e exclusivos en lugares especiais e para todos os públicos, que vén avalado polo éxito das tres edicións anteriores con cifras como as máis de 2.000 persoas que participaron o ano pasado. 

Entradas de balde

Tras os concertos desta semana, a seguinte cita será no Faro Punta da Barca de Muxía os días 2 e 3 coa música de Mercedes Peón, Budiño, Mondra e Zeltia Irevire, para rematar no Castelo de San Felipe, en Ferrol o 9 e 10 de agosto coas actuacións de María José LLergo, _juno, Pamela Rodríguez e Lua de Santana.

O público poderá gozar de todo este programa totalmente de balde e as reservas están indo a moi bo ritmo. Xa están completas as reservas para os concertos do Faro de Corrubedo e de Ferrol e quedan dispoñibles para Muxía. Os interesados poden facer as súas reservas na web www.festivalmaraberto.com.

Data de actualización: 24/07/2024