A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá este concello para supervisar as actuacións

A Xunta destina máis de 48.000 euros a obras de accesibilidade no concello de Crecente

Este Concello tamén se beneficiou dunha axuda de 40.000 euros para a adquisición  dun vehículo adaptado que mellore o transporte nos seus centros de atención social

Crecente (Pontevedra), 8 de marzo de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá o concello de Crecente para supervisar as obras de accesibilidade realizadas neste municipio a través da orde de axudas impulsada polo Goberno galego. Este concello pontevedrés beneficiouse dunha axuda de máis de 48.000 euros que lle permitirá eliminar barreiras arquitectónicas en edificios ou espazos públicos.

Ademais, o Goberno galego tamén lle concedeu a este concello unha axuda de 40.000 euros para a adquisición dun vehículo adaptado que mellore o transporte de usuarios aos seus centros de atención social. A directora xeral lembrou que, con estas axudas, procúrase axudar ás persoas con discapacidade na autonomía e acceso a servizos, así como mellorar a calidade dos servizos naqueles municipios máis pequenos de Galicia.

A orde de axudas para obras de accesibilidade beneficiou a 50 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes e contou cun orzamento total de dous millóns de euros. Pola súa banda, a orde de axudas para a adquisición de vehículos permitiu o apoio a unha trintena de concellos galegos e contou cun presuposto dun millón de euros.

Residencia San Rafael de Vigo

A continuación, a directora xeral participou no acto con motivo do Día da Muller organizado por este concello e, posteriormente, achegouse tamén á celebración do día de San Juan de Dios na residencia San Rafael de Vigo. Un centro co que a Xunta de Galicia colabora a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF e con axudas para a adquisición de vehículos. En total, no pasado ano 2023 concedéronselle axudas con valor de máis de 300.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2024