O DOG publica axudas dotadas con 7,5 millóns de euros para seguir impulsando a competitividade e a promoción no exterior do sector vitivinícola galego

Estas dúas liñas de achegas, vencelladas coa elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a promoción en terceiros países permitirán unha mobilización de investimentos de 19,7 millóns de euros

A primeira liña contou, na convocatoria do 2023, cunha dotación de preto de 6,5 millóns de euros -4M máis respecto ao ano anterior-, e 33 beneficiarios

No referido ao apoio de actividades de promoción de viños galegos en terceiros países, contou cun orzamento de algo máis dun millón de euros e 20 beneficiarios

Dende 2018, o Goberno autonómico investiu nestas dúas liñas de axudas un total de 26,7 millóns de euros, dentro da aposta por un eido produtivo chave no rural galego

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións das axudas para investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a súa promoción nos mercados en terceiros países correspondentes ao ano 2023, cun investimento total dun 7,5 millóns de euros -6,5 millóns para a primeira liña e 1 millón para a segunda-, e financiada a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria. 

Estas axudas, que en total contaron con 53 beneficiarios -33, no caso da elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, e 20 para a promoción en terceiros países-, teñen unha repercusión moi favorable no apoio e reforzo da competitividade deste sector, de gran importancia para o rural galego. Polo tanto, representan un impulso para o agro da nosa comunidade no seu conxunto e para os seus habitantes, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental. 

Elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Polo miúdo, no referido ás axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, cómpre destacar o incremento do orzamento -algo máis de 4 millóns que no 2022-, o que permitiu atender todos os solicitantes que cumprían os requisitos.  

As principais finalidades destas axudas son, entre outras, as de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario, impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos. 

Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas. 

Destas axudas son potenciais beneficiarios as empresas vitivinícolas, organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de produtores, organizacións interprofesionais ou profesionais. 

Son subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación. Tamén se pode financiar a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

Promoción en terceiros países

No referido ás axudas para a promoción en terceiros países, enmarcadas nos programas de promoción establecidos na Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV), aprobada pola Comisión Europea no 2022, buscan fomentar o coñecemento das características e calidades dos viños, co fin de contribuír á mellora da súa competitividade, o que inclúe a apertura, a diversificación e a consolidación dos mercados deses países.

Esta liña de apoio está destinada ás empresas vinícolas, organizacións de produtores e as súas asociacións, así como aos órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou os seus asociados. Tamén se poden beneficiar as entidades asociativas sen ánimo de lucro formadas por empresas do sector que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.

En relación con estas achegas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios ou degustacións.

26,7 millóns de euros investidos dende 2018

Dentro da firme colaboración co sector vitivinícola galego, o Goberno autonómico destinou a estas dúas liñas de apoio en torno a 26,7 millóns de euros dende o 2018, dos cales algo máis de 19,5 millóns de euros se corresponden coa elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e 7,1 para o desenvolvemento de actividades de promoción nos mercados de terceiros países. 

Este esforzo da Xunta de Galicia permitiu mobilizar investimentos no sector galego, no período 2018-2023, por un total de 70,6 millóns -57 M en elaboración e comercialización, e 13,6, en promoción en terceiros países-.

Ligazón ás resolucións no DOG:

Investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240308/AnuncioG0426-220224-0006_gl.html.

Promoción dos viños en terceiros países:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240308/AnuncioG0426-220224-0005_gl.html.

Data de actualización: 08/03/2024