O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, interveu hoxe na apertura das III Xornadas da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede)

A Xunta traballa cos profesionais dos centros residenciais no control e redución das suxeicións

A nosa comunidade dispón desde o ano pasado dun plan de residencias libres de suxeicións que se puxo en marcha inicialmente nos centros da rede pública autonómica

Esta iniciativa enmárcase no novo modelo de coidados de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, lembrou que a Xunta conta desde o ano pasado cun Plan galego de residencias libres de suxeicións, cuxa posta en marcha iniciouse nos centros públicos autonómicos e que ten como finalidade o control e redución destes mecanismos. Fíxoo na apertura das III Xornadas da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede), nas que se están a analizar os avances cara centros libres de suxeicións.

Antón Acevedo explicou que o obxectivo deste Plan é darlle ao persoal das residencias máis ferramentas para a atención aos usuarios, crear espazos máis adaptados para facelos máis seguros e evitar así posibles caídas; e fomentar o uso das novas tecnoloxías para alertar de posibles incidencias que se produzan, coa creación das chamadas habitacións intelixentes nos centros. Ademais, explicou que na nosa comunidade os mecanismos de suxeición soamente empréganse como último recurso e sempre baixo prescrición médica e consentimento informado.

O director xeral apuntou que o Plan galego de residencias libres de suxeicións inclúese no novo modelo de coidados de Galicia, que ten como piares un maior aproveitamento das vantaxes tecnolóxicas para mellorar a atención e facilitar o traballo dos profesionais; máis coordinación entre os ámbitos social e sanitario; a creación de centros máis acolledores para que se asemellen o máximo posible a un fogar e a humanización na atención, poñendo no centro ao usuario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2024