A Xunta convocará axudas por preto de 9,5 M€ para mellorar a accesibilidade de máis de 1.350 vivendas

Rueda salienta a importancia das actuacións subvencionables pois permitirán a instalación de ascensores e salva escaleiras, porteiros automáticos adaptados ou traballos para condicionar baños e cociñas, entre outras

Van dirixidas a propietarios particulares como a comunidades de veciños de inmobles construídos antes de 2006

As axudas irán entre os 6.000€ e 18.000€, recibindo máis cuantía se entre os residentes hai persoas con algunha discapacidade ou maiores de 65 anos

O mandatario galego en funcións destaca que é a terceira convocatoria deste programa, que nos dous anos anteriores destinou 12 M€ a facer máis accesibles case 2.000 fogares no conxunto de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

O presidente do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a  Xunta realizará unha nova convocatoria de axudas para mellorar a accesibilidade tanto en edificios residenciais colectivos como en vivendas particulares cun orzamento de preto de 9,5 millóns de euros. Segundo concretou, o obxectivo é poder chegar a financiar intervencións en “ao redor de 1.350 vivendas galegas”

O Consello da Xunta tomou hoxe razón da convocatoria por terceiro ano consecutivo deste programa, xestionado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que busca facilitar a adaptación exterior e interior de diferentes tipos de inmobles de uso residencial ás necesidades de persoas con algunha discapacidade, física, sensorial ou intelectual.

Rueda salientou que o obxectivo é apoiar a cidadanía no financiamento de obras e instalacións que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas, faciliten o acceso ou favorezan a autonomía e a mobilidade tanto en construcións unifamiliares como en edificios de tipo residencial colectivo e nas vivendas que os integran. Ademais, as actuacións poderán realizarse non só dentro dos inmobles senón tamén nos espazos comúns, como xardíns ou zonas deportivas, e nos que serven para comunicalos co exterior.

O mandatario galego en funcións puxo como exemplo das obras subvencionables a instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas ou mecanismos motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, visuais, táctiles ou sonoros; dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior; a aplicación de domótica e outro tipo de tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal; e calquera intervención que facilite a accesibilidade universal no interior das vivendas e nos propios edificios residenciais colectivos, así como nas súas vías de evacuación.

En canto aos beneficiarios, informou de que poderán acollerse ao programa persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, comunidades veciñais, sociedades cooperativas e empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios.

Axudas entre 6000€ e 18.000€ por vivenda

Rueda precisou que as achegas oscilarán “entre os 6.000 e 18.000€ por vivenda” en función do tipo de inmoble e de se entre os veciños hai algunha persoa con discapacidade. De feito, con carácter xeral, as axudas cubrirán, como máximo, o 60 % do custo da actuación que se acometa, aínda que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se na vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou que sexa maior de 65 anos.

Ademais destas limitacións, a contía das subvencións será variable e dependerá tanto da tipoloxía e das características dos inmobles como das circunstancias dos seus residentes. Así, se se trata dunha casa unifamiliar —illada ou agrupada—, o beneficiario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible e, cando a subvención se solicite para intervir sobre un edificio residencial, concederase un máximo de 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída no caso dun local comercial. Por último, se a solicitude ten por obxecto intervir sobre unha vivenda situada nunha edificación de tipo colectivo, o importe da axuda da Xunta non superará os 6.000 euros.

Con independencia da tipoloxía do inmoble —que nos tres casos terán que ser anteriores a 2006— a subvención chegará ata os 15.000 euros por vivenda se nela reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se acredita ter un grao de discapacidade do 33 % ou superior.

Ademais, para acollerse ás axudas deste ano as actuacións non poderán terse iniciado con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin estar xa finalizadas antes de que se publique a resolución coa convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, o prazo de execución das obras, no caso de vivendas unifamiliares, non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios de tipoloxía residencial colectiva será de 24 meses, tendo en conta que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren de máis tempo. En calquera caso, as actuacións subvencionadas deberán estar rematadas antes do 1 de decembro do ano que vén.

Prazos de execución

Rueda puxo en valor que este é o terceiro ano que a Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, convoca con carácter plurianual o programa de axudas de accesibilidade nas vivendas. Deste xeito, destacou que desde 2022 a Xunta destinou “12 millóns de euros a mellorar a accesibilidade a vivendas de toda a comunidade”.

En concreto, en 2022 o orzamento asignado a esta liña foi de 4,3 millóns de euros e ante a elevada demanda detectada, a dotación da segunda convocatoria incrementouse ata os 9 millóns de euros, contía que se volveu reforzar este ano, alcanzando os 9,42 millóns de euros.

No período 2022-2023 a Xunta concedeu 364 axudas directas para facer máis accesibles vivendas e edificios de carácter residencial. O importe outorgado superou os 12 millóns e grazas a estas subvencións, propietarios particulares, comunidades e inquilinos puideron executar melloras e adaptacións en case 2.000 vivendas no conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024