A Xunta promove este fin de semana en Lalín a feira Merca Delicadeza para achegar a produtores locais e consumidores a través do selo Artesanía Alimentaria

Este mercado está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración co Concello de Lalín, e terá lugar ata o domingo na Praza da Igrexa

Dentro da programación recóllense actividades como demostracións de cociña, charlas técnicas e divulgativas ou obradoiros infantís, así como talleres gratuítos para todos os públicos a cargo de Artesanía de Galicia especializados na cianotipia, na creación de papel marmolado e na estampaxe

Para participar nas actividades destinadas aos máis cativos será preciso unha inscrición previa que se poderá realizar cada un dos días da feira no posto da Asociación Galega de Operadoras de Artesanía Alimentaria

Durante as tres xornadas, levaranse a cabo varios sorteos de dous lotes de produtos con selo de Artesanía Alimentaria entre os compradores que se acheguen ao mercado

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza en colaboración co Concello de Lalín a segunda edición de Merca Delicadeza, o mercado de Artesanía Alimentaria que se celebra na localidade pontevedresa desde mañá ata o domingo, 10 de marzo, na Praza da Igrexa deste municipio, en horario de atención ao público de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 horas.

O obxectivo de mercados locais coma este é dar a coñecer o selo Artesanía Alimentaria, ao mesmo tempo que pon en contacto directo a produtores da zona cos consumidores, cumprindo unha dobre función mediante un circuíto corto de comercialización e os produtos de proximidade, sempre poñendo en valor aos artesáns. Unha trintena de empresas que contan co distintivo de Artesanía Alimentaria estarán presentes nesta segunda edición de Merca Delicadeza.

A Consellería do Medio Rural puxo en marcha o selo Artesanía Alimentaria no ano 2020 baixo un triplo obxectivo, na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Tamén co fin de protexer o bo facer dos artesáns, defendendo a súa profesión ante etiquetaxes enganosos e co fin de conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia. Nesta liña, resáltase a o seu importante papel na produción alimentaria na nosa comunidade, favorecendo á dinamización económica do sector a través de alimentos con selos de protección oficial.

Programa de actividades

O amplo programa contará con actividades para todos os públicos, con degustacións, catas e talleres levados a cabo por chefs e prescritores, acompañados polos propios produtores, e que porán en valor  distintas elaboración con produtos de Artesanía Alimentaria. Na xornada deste venres, coincidindo co Día Internacional da Muller, esta feira contará cunha mesa redonda ás 11,30 horas para abordar o papel da muller dentro de Artesanía Alimentaria.

Os más cativos tamén terán presenza e contarán cunha zona infantil na que poderán elaborar eles mesmos os produtos alimentarios artesáns. Para participar en cada unha das actividades gratuítas, será preciso unha inscrición previa que se poderá facer efectiva os días de celebración do mercado no posto da Asociación Galega de Operadoras de Artesanía Alimentaria.

Participación de Artesanía de Galicia

A maiores, Artesanía de Galicia estará presente a través de obradoiros nos que os participantes poderán experimentar da man dos propios artesáns as técnicas dos seus oficios empregadas na elaboración dos produtos. Os talleres, gratuítos e abertos a todos públicos, estarán impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, do obradoiro Peixesapop (Vigo) en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

O taller do venres está centrado na “Creación de cianotipias”, un procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, este exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian.

O sábado será a quenda para o obradoiro de “Papel marmolado”, no que os participantes poderán alcanzar orixinais formas mediante unha técnica gráfica que consiste en colorear unha folla de papel colocándoa en contacto con pigmentos non solubles que flotan nun recipiente de auga.

O obradoiro que se impartirá o domingo estará centrado no Gyotaku, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesá na que se fixa o recordo de obxectos tridimensionais a través da súa pegada.

Sorteos de lotes de produtos de Artesanía Alimentaria

Ao longo dos tres días de feira haberá sorteos de dous lotes de produtos con selo de Artesanía Alimentaria de Galicia entre os compradores que se acheguen ao mercado. Concretamente haberá un todos os días ás 14,00 horas, e, pola tarde, celebraranse ás 20,00 horas tanto o venres como o sábado e ás 19,00 horas o domingo.

Data de actualización: 07/03/2024