Galicia Calidade certifica xa os produtos da compañía de Rianxo Conservas Cortizo

A xerente do organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Ana Méndez, visitou hoxe as instalacións da empresa e puxo en valor o proceso de elaboración dos seus produtos

Rianxo (A Coruña), 7 de marzo de 2024

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregoulle hoxe o certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia aos responsables de Conservas Cortizo, nun acto que se desenvolveu na sede da empresa, situada no concello de Rianxo (A Coruña), onde se atopa a factoría na que se fabrican todos os seus produtos.

Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, detallou que a obtención do selo de garantía permitirá á empresa incluír a nova sinalización coa que se identifica nas súas fachadas ás empresas adheridas a Galicia Calidade, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Ana Méndez eloxiou a aposta pola calidade desta empresa, que ten como principal obxectivo a seguridade do consumidor, motivo polo cal crearon o seu propio laboratorio de control de calidade. Na actualidade conta con máis de 70 traballadores e unha facturación que ronda os 10 millóns de euros anuais.

As orixes de Conservas Cortizo proveñen dunha antiga fábrica existente no castelo do municipio, chamada Conserveira de Rianxo. No ano 1975 esta empresa trasladouse ao emprazamento actual co obxectivo de ampliar e modernizar a produción.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con preto de 170 empresas adheridas, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2024