O conselleiro do Mar en funcións leva a campaña AMAR GALICIA ata Oroso

A Xunta recoñece o traballo das peixerías na promoción da calidade do peixe e mariscos galegos e no fomento do seu consumo entre a cidadanía

O responsable autonómico destaca a profesionalidade das persoas que rexentan estes establecementos que, grazas a súa proximidade e confianza cos consumidores, potencian a presenza destes alimentos no nosos pratos

Oroso (A Coruña), 7 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, levou ata o concello coruñés de Oroso a campaña AMAR GALICIA posta en marcha polo departamento que dirixe co obxectivo de promover a confianza na calidade dos produtos do mar, resaltar a súa variedade e sabor así como a súa propiedades nutritivas e beneficios para a saúde dos consumidores. Nesta ocasión o responsable autonómico recalou na peixería Ínsua acompañado polo alcalde do municipio, Álex Doval, onde puxo en valor a importancia de promover a presenza do peixe e mariscos galegos como parte esencial da dieta atlántica, sinónimo de alimentos nutritivos, saborosos e saudables.

Alfonso Villares subliñou o transcendental papel que xogan as peixerías e as persoas que as rexentan que, grazas a súa relación directa e de confianza cos clientes, xogan un papel indispensable na promoción do consumo de alimentos mariños, contribuíndo a que cheguen a súas mesas. Tamén reivindicou o consumo dos peixes, mariscos e conservas galegos como a mellor fórmula de apoiar aos profesionais do mar. Por ese motivo fixo un chamamento aos fogares e establecementos hostaleiros para que consuman produto galego e difundan todas as súas bondades e a altísima calidade dos produtos do mar galegos.

O conselleiro reiterou a importancia de traballar xuntos para que os peixes, mariscos, conservas e outros transformados do mar galegos cheguen cada vez a máis bocas, pois por un lado refórzase a un sector económico que xera preto do 5% do PIB de Galicia, sendo o cuarto máis relevante. Unha actividade da que viven milleiros de familias e que se sustenta sobre a confianza na calidade destes alimentos, sobre a variedade e o sabor inigualable que ofrecen peixerías e mercados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/03/2024