A Xunta pon de relevo as actuacións de prevención de riscos laborais con enfoque de xénero co gallo do 8-M, Día da Muller

No marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027, avógase pola diversidade na prevención para garantir a igualdade de oportunidades e a protección independentemente do xénero ou das características persoais

Ademais da Comisión para a integración da igualdade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, a Xunta leva impulsado campañas, formacións ou material técnico facendo especial fincapé en cuestións como o embarazo ou a lactación 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia pon de relevo as actuacións de prevención de riscos laborais con enfoque de xénero co gallo da celebración mañá, 8 marzo, do Día da Muller. En concreto, no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027, avógase pola diversidade na prevención para garantir a igualdade de oportunidades e a protección no traballo independentemente do xénero, da orientación sexual e das características persoais.  

A prevención con enfoque de xénero ten a súa razón de ser en que os riscos laborais e as patoloxías que causan afectan de maneira desigual aos homes e ás mulleres. Neste senso, débese facer especial fincapé en cuestións como a protección do embarazo ou da lactación natural, así como nas diferenzas biolóxicas, sociais e culturais ou nas desigualdades estruturais.

Co convencemento de que a mellora das condicións de traballo repercute directamente na competitividade do tecido produtivo e nunha sociedade máis xusta, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) realiza accións en sectores e actividades económicas cunha alta presenza de mulleres porque requiren de actuacións específicas como a integración da igualdade nas políticas de prevención e na xestión dos centros de traballo.

Deste xeito, desde o Issga, préstase apoio -entre outras accións- á realización de escolas de saúde laboral para redeiras, mariscadoras, percebeiras e outras traballadoras do mar e desenvólvense programas como o destinado á prevención do risco químico nas tarefas de manicura e nos tratamentos de pestanas en salóns de peiteado ou o centrado no persoal coidador de atención á dependencia e axuda no fogar. 

Así mesmo, desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade téñense elaborado documentos técnicos relativos á integración da perspectiva de xénero no sistema de xestión da prevención de riscos laborais na empresa, así como -máis especificamente- de saúde laboral no marisqueo a pé, para as traballadoras do mar ou do agro, prestando especial atención ao embarazo e á lactación. Tamén centrados na distribución de alimentación, no sector das conservas, nas peixarías ou nas carnicerías e charcuterías.

A maiores, cómpre sinalar o material técnico para a protección da maternidade no traballo, para a mobilización de persoas con mobilidade reducida dirixido ao persoal das residencias e centros de día ou para a prevención tanto dos riscos psicosociais como biolóxicos no coidado de persoas con dependencia, entre outros. 

A nivel estatístico, cabe apuntar que se ten en conta a perspectiva de xénero e fomento do uso de datos desagregados por sexo nos estudos, informes, estatísticas e outros materiais publicados polo Issga, mesmo con análises da sinistralidade en sectores feminizados  ou sobre o grao de protección das traballadoras embarazadas.

Formación

No eido formativo, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia leva a cabo módulos complementarios de perspectiva de xénero nos cursos básicos de prevención de riscos laborais, ademais de xornadas técnicas sobre igualdade de xénero no ámbito laboral, sobre os riscos laborais durante o embarazo e a lactación ou sobre o binomio muller e saúde laboral.

Tamén se levan a cabo accións máis específicas, como as centradas nas mariscadoras, percebeiras, redeiras e traballadoras do sector da pesca artesanal, as da industria conserveira, as relativas á Idade e diversidade, sobre o risco químico en salóns de peiteado e beleza, sobre boas prácticas da muller no agro, sobre mobilización de persoas con capacidade reducida ou coidado das persoas con dependencia.    

Cómpre engadir que existe unha Comisión para a integración da igualdade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, que ten un carácter permanente e técnico e ten como principal obxectivo asesorar sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero na saúde e seguridade no traballo. Así, perséguese a conciliación da vida familiar e laboral, así como avanzar na seguridade e saúde laboral a prol de acadar empresas saudables, tendo en conta a perspectiva de xénero en todas as vertentes do traballo.

Data de actualización: 07/03/2024