O conselleiro do Mar en funcións participou na IX Reunión da Rede Nacional de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas

Galicia abandeira o coidado do seu litoral, recursos mariños e da saúde dos consumidores cos 10.000 análises que realiza o Intecmar cada ano

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño exerceu como anfitrión nun encontro cos seus colegas estatais no que se abordaron os últimos avances no control da calidade das augas, cambios lexislativos e a colaboración en España e na UE  

Alfonso Villares destacou o orgullo que para Galicia é contar co centro nacional de referencia e felicitou aos seus profesionais por un traballo que permite detectar zonas afectadas por toxinas e implantar unha xestión que minimiza as perdas do sector

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de marzo de 2024

 O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) exerceu hoxe como anfitrión no transcurso da celebración da IX Reunión da Rede Nacional de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas, que congregou nas instalacións do laboratorio nacional de referencia de Vilaxoán a representantes de sete das oito institucións que conforman esta malla no conxunto de España. Achegouse ao centro o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, quen destacou durante a visita ao mesmo o orgullo que supón para a comunidade autónoma contar co laboratorio nacional de referencia en biotoxinas mariñas.

Tras dar a benvida a todos os participantes e desexarlles o máis produtivo dos encontros, o titular de Mar tamén felicitou aos profesionais do Intecmar, dirixidos por Covadonga Salgado, por un traballo que permite detectar zonas afectadas por estas biotoxinas e implantar coa maior celeridade unha xestión que minimiza as perdas do sector ao tempo que se vela en todo momento pola seguridade alimentaria.

Sinalou Alfonso Villares que o Intecmar leva más de 25 años sendo un centro de control á vangarda europea e mundial na identificación e detección dos distintos tipos de toxinas presentes na costa galega, cun interese triplo: a protección dos mares e o aumento da calidade das augas; a preservación do litoral e o incremento da seguridade marítima; e a conservación dos recursos marítimos e o coidado da saúde, tanto dos animais mariños como das persoas que os consumen como alimento.

Galicia conta na actualidade cunha ampla rede de puntos de toma de mostras ao longo do seu litoral que faculta, segundo destacou o conselleiro, un alto nivel de eficiencia na resposta ao sector marisqueiro e bateeiro pola necesidade de trasladar información de forma rápida e efectiva sobre as incidencias de peches e aperturas das zonas produtivas.

Unha actividade de control que se sustancia cada ano na realización do entorno dos 10.000 análises, a emisión de máis de 600 informes do estado das zonas e a aprobación de máis de 400 resolucións que regulan a actividade extractiva das áreas onde se producen moluscos bivalvos en Galicia.

Intecmar, segundo recordou Alfonso Villares, foi no seu día o primeiro laboratorio de Europa na acreditación de análise histopatolóxicas de moluscos, así como o pioneiro centro de control oficial de España en acreditar o método analítico de referencia de toxinas mariñas lipofílicas, mediante cromatografía de líquidos con detector de espectrometría de masas.

Ademais, o centro dependente da Consellería do Mar conta cunha ampla experiencia no estudo e análise das posibles respostas ante emerxencias no mar e participa en ferramentas de loita contra a contaminación como o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia (Plan Camgal), o instrumento da Xunta para facer fronte aos sucesos de contaminación mariña accidental que afecten ás costas da comunidade.

Estreitar a colaboración

O feito de acoller a IX Reunión da Rede Nacional de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas supón para o Intecmar unha gran oportunidade para estreitar a colaboración cos centros participantes. Nesta cita, na que se abordaron os últimos avances no control da calidade das augas, cambios lexislativos e a colaboración en España e na UE na materia, participaron o Centro Andaluz de Control de los Recursos Pesqueros (Andalucía); a Agència de Salut Pública de Barcelona; o Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries (Cataluña); o Laboratorio de Sanidade Exterior de Vigo; Anfaco-Cecopesca; e o Laboratorio de Salud Pública de Valencia. Tamén estivo presente o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral de Acuicultura e Comercialización Pesqueira do MAPA.  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/03/2024