Reguera visita as obras do camiño de Esperón a Xuviño, en Poio, no que a Xunta investiu preto de 50.000 euros

Os traballos permitirán mellorar a seguridade viaria da veciñanza da zona

No último cuadrimestre do ano 2023 a Xunta asinou 13 convenios deste tipo con concellos da provincia de Pontevedra por valor de algo máis de 610.000 euros

Poio, 06 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as obras de pavimentación do camiño de Esperón a Xuviño, no concello de Poio.

Os traballos son posibles grazas a un convenio subscrito pola Xunta de Galicia no pasado mes de novembro para a realización de obras de infraestrutura rural e polo cal investiría preto de 50.000 euros na mellora e adecuación desta vía.

Trátase dunha obra de gran importancia para os veciños da zona, que mellorará a seguridade viaria dun camiño polo que cada día pasan decenas de vehículos.  O delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre institucións e asegurou que “ a Xunta de Galicia sempre está disposta a escoitar aos alcaldes e alcaldesas, que son quen coñecen de primeira man as necesidades dos seus veciños”.

Neste sentido, cabe destacar que no ultimo cuadrimestre do ano 2023 a Xunta acordou 13 convenios deste tipo na provincia de Pontevedra por valor de algo máis de 610.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024