A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións e o conselleiro do Mar en funcións visitaron a sede do Servizo de Gardacostas

A Xunta acudirá á xustiza para que o Goberno central exerza as súas competencias e reclame os fondos que gastou Galicia na xestión do incidente do ‘Toconao’

O Executivo galego adoptará esta medida se se mantén o inmobilismo da Administración central e non atende a petición remitida o pasado 19 de xaneiro de que iniciase o procedemento de exixencia de responsabilidades por este episodio

Ánxeles Vázquez detalla que o dispositivo despregado polo Goberno autonómico nos últimos dous meses actuou en máis de 630 praias de 66 concellos e permitiu recoller uns 3.650 quilos de granulados plásticos e máis de 20.200 quilos doutros residuos

A vicepresidenta segunda en funcións sinala que a contratación extraordinaria de persoal para realizar ese labor supuxo un gasto de preto de 2,4 millóns de euros, aos que haberá que sumar os custos excepcionais nos que incorreron os distintos departamentos da Xunta para facer fronte a esta emerxencia

Alfonso Villares pon en valor a xestión coordinada e transparente realizada polo Executivo galego fronte á inacción do Goberno central, que despregou unha pequena parte dos medios solicitados pola Administración autonómica

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia acudirá aos tribunais para exixir ao Goberno central que exerza as súas competencias e reclame a quen corresponda responsabilidades medioambientais así como os gastos nos que incorreu Galicia desde comezos de xaneiro para limpar a costa dos granulados plásticos procedentes do mercante Toconao.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, visitaron a sala de operacións do Servizo de Gardacostas de Galicia e fixeron balance do operativo posto en marcha pola Xunta nos últimos dous meses.

Neste sentido, explicaron que o Executivo galego remitiu unha misiva ao Goberno central o pasado 19 de xaneiro na que lle pedía que iniciase o procedemento de exixencia de responsabilidade ambiental por este incidente e a única resposta que obtivo foi que se ía estudar a solicitude. Ante o tempo transcorrido sen máis resposta, o Goberno autonómico presentará un recurso administrativo por silencio negativo e, en caso de que a súa demanda non prospere por esta vía, acudirá á Audiencia Nacional.

En canto ao operativo despregado desde comezos de xaneiro ata o pasado venres no marco da activación do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Plan Camgal), Ángeles Vázquez destacou que o persoal mobilizado pola Xunta actuou en máis de 630 praias de 66 concellos, recollendo arredor de 3.650 quilos de granulados plásticos -o equivalente a uns 146 sacos de 25 quilos que transportaba o cargueiro- e máis de 20.200 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

A vicepresidenta segunda en funcións agradeceu a colaboración de todos os que axudaron a facer fronte a esta situación extraordinaria, entre os que citou os técnicos da Vicepresidencia Segunda e da Consellería do Mar, os membros do operativo de limpeza das praias -que no momento álxido roldou os 450 efectivos-, os voluntarios e os concellos. De feito, aos granulados plásticos recuperados polo dispositivo da Xunta hai que sumar os recollidos a pé de praia da man dos voluntarios ou os que tiñan almacenados os concellos, un total de 1.384 quilos.

Deste xeito, na actualidade hai acumulados en puntos de almacenamento intermedios algo máis de 5.000 quilos, o equivalente a máis de 200 sacos do Toconao, que permanecerán inmobilizados á espera de que se clarifique o seu destino e se resolvan cuestións como a investigación aberta pola Fiscalía.

Actuación

Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta actuou con celeridade desde que tivo coñecemento do suceso malia que era competencia do Goberno central actuar ante unha vertedura procedente de augas doutro país e que podía afectar a varias comunidades -como acabou ocorrendo-, tal como establece o Sistema Nacional de Resposta fronte á contaminación mariña.

Nesta liña, a responsable autonómica asegurou que o Executivo central non estivo á altura das circunstancias mentres que o Goberno autonómico activou ao longo do episodio todos os medios dispoñibles, tanto aéreos como marítimos e terrestres do Servizo de Gardacostas, axentes ambientais ou persoal doutros departamentos para a xestión de cuestións como a formación de voluntarios.

A vicepresidenta segunda en funcións salientou que só o operativo de limpeza de praias e a contratación extraordinaria de persoal para realizar ese labor supuxo un gasto de preto de 2,4 millóns de euros. A eles hai que sumar as estimacións de gastos excepcionais dos distintos departamentos da Xunta -cálculo que se está a facer nestes momentos- para ter as cantidades definitivas a reclamar polo impacto deste episodio nas contas do Executivo galego.

Ángeles Vázquez tamén expresou a súa sorpresa coa decisión do Goberno central de declarar Galicia, Asturias e Cantabria como zona catastrófica polo incidente do Toconao meses despois de que se producise e incluíndoa con outras moitas que mesmo se remontan aos incendios do ano 2022. Unha mostra máis, lamentou, de que o Executivo central “non estivo á altura das circunstancias”.

Nesta liña, tamén cuestionou que esa declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil sitúe a Galicia na mesma posición que outras comunidades que se viron moito menos prexudicadas polo incidente dos granulados plásticos coa recollida de cantidades de residuos testemuñais.

A responsable autonómica concluíu sinalando que este tipo de episodios teñen que servir para aprender e mellorar aínda máis os mecanismos de resposta. Con ese obxectivo, o 19 de xaneiro constituíse un comité científico conformado por distintos expertos e investigadores para analizar o incidente do Toconao e a problemática dos plásticos e microplásticos en xeral. A súa última reunión foi o pasado 22 de febreiro e nestes momentos está a traballar na elaboración dun documento de recomendacións e directrices para ver como actuar no futuro ante episodios deste tipo e fronte ao problema dos microplásticos coa finalidade de ter unha Galicia máis limpa e segura.

Loita contra a desinformación

O conselleiro do Mar en funcións, pola súa parte, destacou a xestión coordinada e transparente do Goberno galego na que destacou como fito a posta en marcha da Unidade de Observación Próxima do Plan Camgal na que se realizaron máis de 60 simulacións de deriva dos granulados plásticos grazas aos modelos meteorolóxicos e hidrodinámicos de MeteoGalicia a través da súa dispoñibilidade no Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia.

No eido da transparencia, sinalou que toda a información relevante sobre a continxencia  foi actualizándose na páxina do Plan Camgal, como a publicación das fichas do produto e as analíticas deste, os distintos protocolos, a información meteorolóxica específica ou a simulación do percorrido dos sacos perdidos polo mercante. Un rigor informativo que contrapuxo ás mentiras e desinformación “dos que pensaban máis nos seus propios intereses que nos do conxunto das galegas e galegos”.

Estas actuacións irresponsables, lamentou, danaron o prestixio dos produtos pesqueiros da comunidade polo que a Xunta, en colaboración co propio sector, lanzou a campaña AMAR GALICIA co obxectivo de animar ao conxunto da sociedade galega a presumir da excelencia do peixe e marisco galegos promocionando o seu consumo como o mellor xeito de apoiar o bo facer dos profesionais do mar de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024