A Xunta comeza as obras de mellora da drenaxe da estrada autonómica AC-960 en Camporrapado, en Boqueixón

A intervención supón un investimento de preto de 50.000 €

Substituiranse as actuais canalizacións de pluviais por unhas de maior capacidade, tanto na vía autonómica como nunha estrada municipal coa que entronca

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar a execución das obras de mellora da drenaxe da estrada autonómica AC-960 en Camporrapado, no concello de Boqueixón.

Na actualidade, en episodios de fortes chuvias prodúcense problemas de drenaxe da auga da estrada neste treito, ocasionando embolsamentos que poden afectar á circulación rodada e peonil pola estrada. O nivel da auga, ademais, pode chegar ata vivendas e comercios.

Mediante os traballos que se inician, que suporán un investimento de preto de 50.000 euros, intervirase na mellora da drenaxe a través da substitución das actuais canalizacións de pluviais por unhas de maior capacidade, na vía autonómica e nunha estrada municipal que entronca nese treito da AC-960.

Nesta actuación, tamén se procederá á renovación dos sistemas de recollida das augas pluviais.

Os traballos céntranse na instalación das novas canalizacións cunha tubaxe de 125 metros de lonxitude de PVC diámetro 315 mm na estrada AC-960, e de 140 metros de tubaxe de PVC de diámetro 400 mm no viario municipal, onde se conectará a unha rede existente para o seu desaugue. Executaranse tamén os seus pozos correspondentes.

Para a recollida das augas superficiais instalarase tapa con reixa nos pozos que se  executarán na estrada autonómica, construiranse 6 sumidoiros na vía municipal e executaranse 6 metros de caz con reixa.

A intervención rematarase coa reposición ao seu estado previo os pavimentos da estrada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024