A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións supervisou os traballos para habilitar un itinerario peonil continuo de 1,4 km de lonxitude na marxe dereita destas 2 vías autonómicas

Ethel Vázquez avanza que a Xunta porá en servizo en maio as novas sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Caleiro, en Vilanova de Arousa, tras un investimento de case 1,3 M€

Habilítase unha senda de 1.100 metros na PO-302 e un itinerario de 270 metros ao longo da PO-306, cunha anchura mínima de 2,20 m para favorecer a accesibilidade e a mobilidade dos veciños

Vázquez Mourelle destaca o bo ritmo das obras, co 80% xa certificadas

Están realizadas as canalizacións de drenaxe, o abastecemento e o saneamento, o aglomerado da senda na PO-302 e habilitadas 35 prazas de estacionamento na zona do Auditorio

Sinala que as tarefas céntranse agora na sinalización e balizamento da senda da PO-302 e na execución da zona de estacionamento na PO-306, con 51 prazas preto da ponte do Terrón

Subliña que en total se porán ao servizo dos veciños 86 prazas de aparcadoiro en batería, 54 máis das que había, reservando 3 delas para persoas con mobilidade reducida

Salienta esta actuación da Xunta completa a rede de sendas executadas nos últimos anos neste municipio, máis de 8 km de itinerarios e máis de 5 M€ de investimento

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 6 de marzo de 2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta porá en servizo en maio as novas sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Caleiro, en Vilanova de Arousa, tras un investimento de case 1,3 M€.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e co tenente de alcalde, Javier Tourís, supervisou hoxe in situ os avances dos traballos para habilitar un itinerario de uso peonil continuo na marxe dereita destas dúas estradas que suma un total de 1,4 quilómetros de lonxitude.

Trátase das dúas novas sendas, unha na estrada PO-302 onde se está a construír 1,1 km de itinerario, no seu treito inicial, que se completan con outros 270 metros de senda que se está tamén a habilitar no inicio da PO-306.

A conselleira sinalou que estas sendas, cuxas obras foron iniciadas o pasado verán, no mes de agosto, avanzan a bo ritmo, co 80% xa certificado, e terán unha anchura mínima de 2,20 metros, o que fará máis cómodos e seguros os desprazamentos e garante a accesibilidade. Os itinerarios irán separados da estrada por medio dun bordo de formigón.

Tamén se habilitan aparcadoiros en batería. Nestes casos, procédese a ampliar a plataforma e o firme ata acadar o ancho que é preciso para o estacionamento.

Ademais, na confluencia entre as 2 estradas, na glorieta de acceso ao centro urbano, habilitarase un pequeno treito de itinerario ciclista independente, de 1,5 metros de ancho, con bordo elevado sobre a rasante e beirarrúa con novo pavimento.

Tal e como indicou Ethel Vázquez, os traballos que se están a levar a cabo inclúen a demolición de beirarrúas e a execución dunhas novas con pavimento renovado en todo o tramo da PO-302, ao transcorrer polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

A actuación complétase coa execución de rede de pluviais, saneamento e abastecemento onde non hai no caso da PO-302; e rede de pluviais ao longo da senda da PO-306; así como coa renovación do alumeado na PO-302, substituíndo as luminarias deterioradas por unhas novas e máis acordes á contorna.

Con respecto á evolución das obras, a conselleira indicou que están executadas as canalizacións de drenaxe, o abastecemento e o saneamento, tamén a senda en formigón e o aglomerado na PO-302 e habilitadas as zonas de estacionamento nesa estrada, un total de 35 prazas, na zona do Auditorio.

Explicou que, agora mesmo, os traballos céntranse na sinalización e balizamento da senda da estrada PO-302 e na execución da zona de estacionamento na PO-306, con 51 prazas, preto da ponte do Terrón. 

Ethel Vázquez concretou que, en total,  se porán ao servizo dos veciños de Vilanova 86 prazas de aparcadoiro en batería, 54 máis das que había, facilitando o seu día a día; delas, 3 reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Os traballos completaranse nas vindeiras semanas coa demolición das beirarrúas e a execución do novo pavimento, coa colocación da iluminación e co fresado e reposición do firme na zona urbana.

Segundo avanzou a conselleira a previsión é que no mes de maio os veciños de Vilanova de Arousa teñan rematados e á súa disposición estes itinerarios de Caleiro, 1,4 km de novas sendas para que os seus desprazamentos cotiáns a pé sexan máis cómodos e seguros, tras un investimento da Xunta de case 1,3 M€.

A actuación conta co financiamento europeo a través dos Fondos React-UE.

Esta actuación da Xunta completa a rede de sendas executadas nos últimos anos no municipio: a que une Deiro e a ponte da Illa de Arousa, na estrada PO-307; a senda da PO-549 entre Tarrío e Cores e o itinerario de Corón; ou a senda na estrada PO-306, entre Vilanova e A Illa. En total, máis de 8 km de sendas e máis de 5 M€ de investimento neste concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024