A Xunta enxalza o papel divulgador da mostra ‘A cidade e as xentes’ por amosar a sociedade lucense nos anos 70

O director xeral de Cultura participa na inauguración da exposición fotográfica, que estará dispoñible ata o 30 de setembro no Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Lugo, 6 de marzo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición A cidade e as xentes. 1975-1979. O Fondo José Luis Vega no Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Esta mostra súmase aos traballos anteriores para recoller o pulso da cidade desde a década de 1940 ata a de 1970, poñendo en valor as instantáneas do fotógrafo José Luis Vega.

A cidade e as xentes, que pecha o ciclo cronolóxico do labor fotográfico de Vega en Lugo, correspóndese cos anos 70 e busca difundir estes fondos para amosalos á cidadanía como fontes para o coñecemento pola cidadanía. Así mesmo, quere achegarse este traballo aos centros de ensino como elemento didáctico para que o alumnado coñeza como era a súa cidade hai 50 anos e como cambiou desde entón ata agora.

Ademais, a exposición mostra a evolución de Lugo e os seus veciños, “particularmente a producida nesa década tan fecundada en cambios, que sustentou o vigor da cidade actual e a súa evolución desde o pasado tradicional ata as novas formas de vivir e de facer ao conxunto da veciñanza”, anotou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

“Para moitos de nós é un exercicio de nostalxia, unha lembranza agarimosa do tempo vivido; para outros é unha fiestra ao pasado, que permite coñecer o aspecto de Lugo, o cambio substancial que se produciu na cidade e nas persoas que a compoñen”, engadiu.

400 fotografías e un catálogo

A exposición fotográfica, que se prolongará ata o 30 de setembro, está conformada por 400 imaxes e un catálogo no que se inclúen os traballos desta mostra e da anterior, do mesmo autor e temática pero do período 1970-1975, cun total de 800 fotografías.

No ano 2023 o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, propietario das imaxes de Vega, deu a coñecer a primeira das mostras deste traballo con imaxes realizadas entre 1970 e 1975. Agora, completan o traballo coas capturas entre 1976 e 1979 e completa “esa testemuña do paso do tempo e de como afecta aos espazos e ás vivencias”, concluíu Anxo M. Lorenzo.

Data de actualización: 06/03/2024