A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou na entrega de certificacións da Carta Europea de Turismo Sostible

A Xunta destaca a contribución das empresas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas a que en 2023 acadase un récord de case 515.000 visitantes

Ángeles Vázquez salienta que as sinerxías existentes entre o parque e as entidades que operan nel fan que este espazo se consolide como un destino de referencia para os visitantes que buscan o contacto coa natureza

Un total de 26 firmas que operan no seu ámbito renovan ou reciben por primeira vez a adhesión á Carta Europea de Turismo Sostible, coa que se comprometen cun turismo de calidade e responsable tanto no presente como no futuro

A vicepresidenta segunda en funcións destaca que o parque nacional ofrece ás persoas que se achegan a el unha experiencia única nun espazo privilexiado do mundo, sinónimo de respecto á contorna e de protección do medio ambiente

Vigo, 6 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor a contribución das empresas que operan no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas a que este espazo natural acadase o ano pasado datos de afluencia récord, con preto de 515.000 visitantes e incrementos en todos os arquipélagos. No caso das Cíes, que rexistraron dúas terceiras partes do total, contabilizáronse máis de 343.000 visitas.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, salientou que estes datos son froito do bo traballo desenvolvido polos responsables do parque en coordinación coas firmas presentes nel, unhas sinerxías que fan que se consolide como un destino de natureza de referencia.

A responsable autonómica, que participou na entrega da certificación de adhesión á Carta Europea de Turismo Sostible a 26 empresas que operan neste espazo, destacou que este tipo de recoñecementos mostran o compromiso dos axentes vencellados co parque nacional cun turismo sostible, de calidade e un exemplo a nivel internacional.

Os 26 distintivos entregados hoxe a outras tantas empresas -13 renovacións e 13 primeiros recoñecementos- son outorgados por Europarc tras un proceso de formación para avanzar no compromiso coa sostibilidade e co futuro do parque, que conta con esta mesma acreditación desde 2015. 

Deste xeito as firmas adheridas á Carta Europea -entre as que se atopan algunhas de turismo náutico, cámpings, actividades de aventura, mergullo ou rutas guiadas- convértense en embaixadoras do turismo sostible ao satisfacer as necesidades de visitantes, empresas e poboacións locais sen danar o medio ambiente nunha perspectiva de presente pero tamén de futuro. 

A vicepresidenta segunda en funcións, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destacou que o parque nacional no seu conxunto ofrece “unha experiencia única nun espazo privilexiado do mundo”, sinónimo de calidade e de respecto á contorna, algo que cada vez reclaman máis as persoas que visitan Galicia e os seus espazos naturais.

Acreditacións

Os certificados da Carta Europea de Turismo Sostible son para espazos naturais protexidos e para os actores da súa contorna que asumen un compromiso co turismo respectuoso e de calidade. As entidades seleccionadas deben superar un proceso formativo no se que inclúe unha diagnose da súa actividade, a implantación dunha serie de medidas para mellorar o seu traballo e conectalo co espazo protexido no que se desenvolve, visitas aos establecementos e mesmo unha auditoría ambiental.

Nesta fase de preparación, de seis meses de duración, as empresas reciben asistencia técnica da Federación Europarc-España -que é quen outorga o recoñecemento- e do propio Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. Ás entidades entrégaselles un diploma acreditativo e unha placa de identificación para que poidan exhibir nos seus locais ou embarcacións e comprométense a realizar unha serie de melloras e actividades nos tres anos seguintes a recibir a certificación.

A adhesión á carta europea supón unha vantaxe competitiva para as empresas e permítelles ser recoñecidas a nivel europeo, beneficiarse de novas oportunidades comerciais -como o acceso a novos clientes atraídos polos espazos protexidos ou polo descubrimento do medio ambiente, entre outras-, reforzar a calidade da súa oferta turística ou racionalizar os gastos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024