A Xunta recibe 4 ofertas para a explotación e mantemento da estación de tratamento de augas residuais de Ortigueira nos vindeiros 2 anos

Este servizo, cun orzamento de máis de 1,4 M€, inclúe os traballos de conservación das instalacións para que cumpran os obxectivos de depuración en condicións óptimas de funcionamento

A estación de tratamento de augas residuais deste municipio coruñés está deseñada para una poboación de 5.000 habitantes equivalentes

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade municipal, pero a Xunta proporciona o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen, encargándose actualmente da xestión de 27 depuradoras municipais

A Xunta a través da Lei do ciclo integral da auga pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos e un sistema de adhesión voluntario para unha xestión de calidade das infraestruturas hidráulicas

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 4 ofertas para a explotación e mantemento durante os vindeiros 2 anos da estación de tratamento de augas residuais do concello de Ortigueira.

Este contrato, licitado por un importe de máis de 1,4 M€, abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento, garantindo o mantemento e a conservación en perfecto estado de todas as instalacións.

O ámbito de actuación obxecto deste contrato de servizo é, polo tanto, a depuradora de Ortigueira, manténdose fóra do alcance do contrato o resto de infraestruturas do sistema de saneamento asociado, incluído o emisario, cuxa xestión é de competencia municipal.

A estación de tratamento de augas residuais está deseñada para una poboación de 5.000 habitantes equivalentes e dispón dun tratamento biolóxico con recirculación sobre cámara anóxica, seguido dun tratamento físico-químico con redución de fósforo e rematando con raios ultravioleta.

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 27 estaciones depuradoras de augas residuais municipais.

Cómpre lembrar que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga impulsada pola Xunta pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema de adhesión voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga.

Data de actualización: 06/03/2024