O conselleiro do Mar en funcións visitou as instalacións da empresa soense Portosin Fiss

Alfonso Villares reclama ao Goberno central axilidade na activación dun perte “en condicións” para a cadea mar industria

O titular do Mar criticou a proposta de “mini Perte” do Executivo estatal de 50 millóns de euros, moi lonxe dos 400 millóns reclamados polo sector e dos 1.000 millóns concedidos ao Perte Agroalimentario

Sinalou a necesidade dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) específico para a cadea mar-industria “en condicións”, que permita acometer importantes inversións e gañar competitividade

O conselleiro destacou a importancia do sector transformador dos produtos pesqueiros como motor económico, que xera valor engadido e emprego de calidade así como a súa aposta pola innovación tecnolóxica

Porto do Son (A Coruña), 5 de marzo do 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, reclamou ao Goberno central que axilice a activación do Perte para a cadea mar-industria para que o sector poda acometer as inversións necesarias para abordar a súa transformación e modernización que lle permita gañar competitividade. O responsable autonómico realizou estas manifestacións acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, durante a vista ás instalacións da empresa local Portosin Fiss na que tamén demandou que esta liña de axudas europeas teñan unha dotación económica suficiente que permita alcanzar os seus obxectivos.

O titular de Mar criticou a proposta de “mini” Perte anunciado polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, o pasado 29 de xaneiro dotado con 50 millóns de euros dos cales 40 millóns serían en subvencións e os 10 millóns restantes a préstamos. Unhas cantidades que cualificou de insuficientes tendo en conta a relevancia económica do conxunto da cadea mar-industria na comunidade cunha facturación de 9.000 millóns de euros anuais que emprega a 50.000 persoas e cun marcado carácter exportador xa que segundo as previsións no 2023 superouse a cifra récord de 2.700 millóns de euros alcanzados no 2022. Nesta liña, tamén recordou co Perte Agroalimentario foi dotado con 1.000 millóns de euros e pola contra, en esta ocasión, ni tan sequera chega aos 400 millóns solicitados polo propio sector.

Alfonso Villares puxo en valor a contribución de empresas como Portosin Fiss, e o traballo das 50 persoas empregadas nesta factoría, ao liderado do sector pesqueiro galego a nivel internacional, referente en boas prácticas medioambientais, e innovación tecnolóxica. Un bo facer dixo, que se ve reflectido na súa traxectoria de éxito respectando no procesado a excelente calidade da materia prima para que chegue ao cliente nas mellores condicións posibles.

O responsable autonómico resaltou o modelo de cogobernanza que mantén o Goberno galego co propio sector que permite adecuar as axudas ás necesidades reais das propias empresas e profesionais reforzando a competitividade do conxunto da cadea mar-industria que xoga un papel decisivo na soberanía alimentaria do conxunto do continente europeo. Neste punto Alfonso Villares sinalou que o 70% do peixe consumido na Unión Europea é importado polo que reclamou ás institucións europeas e nacionais que permian incrementar as capacidades de pesca da frota galega e afondar nas campañas de promoción do consumo dos produtos pesqueiros como elementos esenciais dunha dieta equilibrada e saudable.

Modernas instalacións

O conselleiro coñeceu da man dos responsables da empresa as modernas instalacións coas que conta a compañía en Porto do Son que se suman ás que contan en Ribeira nas que ofrecen un servizo de almacenamento frigorífico previo a súa distribución no que se mantén un escrupuloso control da cadea de frío. No 2023 puxeron en marcha melloras dirixidas a introducir as últimas tecnoloxías para afondar na sustentabilidade medioambiental da actividade. Na actualidade teñen unha capacidade de almacenamento de 2.000 toneladas de produto así como para mercadoría en depósito aduaneiro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2024