Dous viveiros de Tomiño reciben preto de 90.000 euros das axudas da Xunta para o apoio aos investimentos en explotacións agrarias

Agustín Reguera visitou as instalacións das empresas e destacou a importancia de contar con empresarios valentes, capaces e con boas ideas

En total as axudas repartiron máis de 370.000 euros entre as empresas galegas deste sector

Tomiño (Pontevedra), 05 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá dúas empresas con base en Tomiño  beneficiadas polas axudas da Xunta de apoio aos investimentos en explotacións agrarias especializadas en en produción vexetal.

Así, Reguera acudiu en primeiro lugar ao viveiro San Campio, que recibiu unha axuda de máis de 42.000 euros. Alí coñeceu aos responsables da empresa que partillaron con el algunhas das claves deste sector.

O delegado territorial destacou a importancia de apoiar “ao tecido empresarial galego” e lembrou que estas axudas permitirán ás empresas beneficiadas “mellorar e modernizar os seus servizos, de forma a seguir creando riqueza en Galicia e postos de traballo”.

Finalizada a visita ao viveiro, o delegado desprazouse ata un dos locais de Galiplant Ornamental, outra empresa dedicada a este sector e que recibiu unha axuda de preto de 45.000 euros.

Reguera rematou a visita agradecendo aos empresarios beneficiados o seu “excelente traballo” e a súa dedicación e destacou que “sen empresarios valentes, capaces e con boas ideas a economía galega non contaría con tan bos indicadores”. Ademais o delegado aproveitou para lembrar que Galicia rexistrou o pasado mes a taxa de desemprego máis baixa nun mes de febreiro dende que hai serie histórica, algo que, segundo explicou, “foi posible grazas á calidade do noso sector empresarial”.

Cabe destacar que estas axudas repartiron máis de 370.000 euros entre as empresas do sector en Galicia, dos cales preto de 100.000 euros foron para entidades da provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2024