A Xunta recibe 6 ofertas para dotar de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos, no concello de Cabana de Bergantiños, cun investimento máis de 1,3 M€

A actuación permitirá dotar a estes 2 núcleos do servizo e asegurar o subministro de auga ao municipio e ao futuro parque industrial da Costa da Morte, co obxectivo de servir a unha poboación futura de 2.000 persoas

Construirase unha nova captación de auga no río Anllóns e unha potabilizadora, ademais doutras intervencións complementarias que blinden o subministro na zona

A potabilizadora incluirá pretratamento de auga bruta e mestura de reactivos, flocuación, decantación, filtración e tratamento de desinfección ultravioleta

Esta actuación forma parte do acordo de colaboración polo que a Xunta achegará o 90% do investimento, máis de 1,22 M€ e executará as obras, que o Concello cofinanciará con máis de 136.000 €, ademais de poñer os terreos á disposición

O Goberno galego segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 6 ofertas de empresas para executar os traballos que dotarán de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos, no concello de Cabana de Bergantiños, e que suporán un investimento de máis de 1,3 M€.

Esta actuación ten como obxectivo levar o servizo de abastecemento a estes dous núcleos e asegurar o subministro ao municipio e ao futuro parque industrial da Costa da Morte, o que permitirá garantir o subministro de auga a unha poboación total futura de preto de 2.000 persoas.

As obras foron licitadas por máis de 1,1 M€ e teñen un prazo de execución de 12 meses.

Na actualidade, o abastecemento resólvese de forma individualizada, con pozos particulares ou captacións en mananciais que non garanten auga en cantidade suficiente nin coa debida calidade.

Para garantir un axeitado abastecemento, a través deste contrato prevese a execución dunha nova captación de auga no río Anllóns, dunha potabilizadora e das intervencións necesarias para completar os traballos que blinden o subministro a estas 2 poboacións e á zona de implantación do polígono.

Os primeiros traballos que debe acometer o adxudicatario centraranse na limpeza e comprobación de tubaxes de impulsión e de distribución que xa hai, na reparación dos elementos que poidan estar danados e na impermeabilización dos muros do depósito existente e a execución da cuberta.

Logo executaranse a captación no Anllóns mediante toma directa a un pozo de bombeo situado a 10 metros da canle do río, coa instalación de dúas bombas verticais mergulladas para impulsar un caudal de 100 m³/h.

Tamén se acometerá o edificio da estación de tratamento de auga potable que se situará anexo ao depósito existente e disporá de preto de 600 m², con sala de control e sala de reactivos. A potabilizadora incluirá pretratamento de auga bruta e mestura de reactivos, flocuación, decantación, filtración e tratamento de desinfección ultravioleta.

Estes traballos enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Cabana de Bergantiños, que recolle un investimento de máis de 1,3 M€. A Xunta achega o 90%, algo máis de 1,22 M€ e executará as obras; o Concello, pola súa parte, destinará ás actuacións algo máis de 136.000 €, o 10% restante, e porá á disposición os terreos necesarios.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Data de actualización: 05/03/2024