A primeira etapa do programa Galicia Camiño Emprendedor de impulso á consolidación de empresas remata hoxe en Pontevedra

Trátase dunha iniciativa autonómica coa que se facilita a xeración de contactos e promocionar Galicia e o Camiño de Santiago

A metodoloxía que se emprega é o mentoring, unha fórmula para desenvolver o potencial das persoas participantes e para xerar un mercado laboral máis forte

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024

Rematou hoxe en Pontevedra a primeira etapa do programa Galicia Camiño Emprendedor que discorreu polo Camiño Portugués o seu paso polas localidades do Porriño, Redondela e a cidade do Lérez. Trátase dunha iniciativa coa que a Xunta busca impulsar a consolidación de empresas e negocios a través do mentoring.

Galicia Camiño Emprendedor realízase en colaboración coa Fundación Ronsel e coa Axencia Turismo de Galicia para facilitar a xeración de contactos profesionais entre os participantes e promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica.

A metodoloxía empregada neste programa baséase na relación de confianza entre o titor e a persoa acompañada. É unha fórmula que se defende desde a Xunta para desenvolver o potencial das persoas participantes e para xerar un mercado laboral máis forte.

En concreto, os obxectivos da actuación son promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica, percorrendo etapas do Camiño; apoiar ás persoas profesionais autónomas e empresarias, acompañándoas na consolidación e mellora dos seus negocios; e promover a sustentabilidade nas empresas de economía social, as persoas autónomas e persoas empresarias, vinculando os seus negocios aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

O prazo de solicitude para participar no programa está aberto desde o pasado 12 de febreiro na páxina web da Oficina do Autónomo, no apartado de programas, programa Galicia Camiño Empendedor - 2024. https://oficinadoautonomo.gal/es.

Cada etapa ten un máximo de seis prazas dispoñibles para persoas emprendedoras e seis prazas dispoñibles para persoas mentoras, que se adxudican por orde de inscrición. Unha vez cubertas as seis prazas dispoñibles, habilitáse unha lista de espera para que poidan inscribirse as persoas interesadas. Cada persoa só poderá inscribirse nunha etapa (salvo que haxa prazas vacantes)

As próximas etapas serán do 18 ao 19 de abril na provincia da Coruña: Santuario da Virxe da Barca (Muxía) – Lires – Faro de Fisterra (Camiño de Fisterra e Muxía); do 13 ao 14 de xuño en Ourense: Vilar do Barrio – Xunqueira de Ambía – Ourense (Camiño Mozárabe); do 12 ao 13 de setembro en Lugo: O Cebreiro – Triacastela – Sarria (Camiño Francés);  do 7 ao 8 de novembro en Pontevedra: A Guarda – Oia – Baiona (Camiño Portugués da Costa); e a última entre o 12 e o 13 de decembro na Coruña: Arzúa – Arca (O Pino) – Santiago de Compostela (Camiño Francés). Toda a información da iniciativa pode consultarse en https://galiciacaminoemprendedor.gal/.

Esta actuación enmárcase nas políticas activas de emprego transversais que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para promover o emprego en Galicia, xa que están deseñadas para os autónomos e emprendedores, pero tamén para as pequenas e medianas empresas e para a economía social.

Data de actualización: 05/03/2024