A Xunta lamenta a ausencia de concreción do Ministerio para flexibilizar a PAC e esíxelle que conte coas autonomías nun proceso chave para o futuro do sector agrogandeiro

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural participou en Madrid na reunión do Órgano de Coordinación do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC)

O Goberno galego -e os doutras comunidades- consideran que a falta de escoita e atención por parte do Ministerio ás autonomías foi un dos principais detonantes das mobilizacións no campo

Galicia e varias rexións censuran que o Goberno central siga sen ter en conta os diferentes territorios na introdución de posibles cambios ou flexibilizacións na PAC, cando son as comunidades as que as terían que aplicar no territorio

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) non está tendo en conta ás comunidades autónomas á hora de introducir posibles modificacións ou flexibilizacións na Política Agraria Común (PAC), malia que as autonomías son as que teñen que aplicar, sobre o terreo, esta lexislación.

 

Así o constatou de novo hoxe a Xunta, tras participar na reunión do Órgano de Coordinación do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC), que tivo lugar en Madrid baixo a presidencia do secretario general de Recursos Agrarios y Seguridad Alimentaria do MAPA, Fernando Miranda. A este encontro asistiu, en representación de Galicia, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Joaquín Macho.

 

O Goberno galego afea ao Ministerio -como tamén o fan outros representantes autonómicos- que esta xuntanza se convocara sen documentación previa, tratando de lanzar a mensaxe dunha negociación que non é real. Así, cómpre lembrar que as comunidades autónomas remitiran xa o pasado 15 de febreiro un documento de traballo que non tivo resposta. Polo tanto, Galicia -xunto con outras comunidades- queda á espera de que se lle remita un documento de traballo co que comezar as negociacións na semana do 11 de marzo.

 

Ademais, a Xunta lembra que avisou -ao igual que outros territorios- da problemática do campo español (e galego en particular) desde as reunións previas nos meses de setembro e outubro en todos os foros nos que tivo oportunidade, ser recibir outra contestación que non fora unha rotunda negativa a unha posible modificación ou flexibilización.

 

A maiores, Galicia demanda tamén rapidez na toma de decisións, xa que a campaña da PAC 2024 comezou xa o pasado 1 de febreiro. Xa que logo, dende aquela transcorreu máis de un mes e todas as medidas que se poidan adoptar van producir retrasos na solicitude das axudas e, en consecuencia, na xestión e realización dos pagamentos oportunos.

 

Reclamacións de Galicia

Neste encontro, o representante galego trasladou de novo as principais reclamacións da nosa comunidade en relación coa actual situación do agro en Europa e os posibles cambios na normativa comunitaria reguladora da PAC. Neste sentido, Galicia avoga por unha aplicación progresiva (en tempo e forma) da batería de medidas que resulte deste proceso comunitario, que será fundamental para o futuro do noso sector agrario, e que se teñan en conta as comunidades autónomas no seu deseño.

 

Así, a Xunta considera que cómpre traballar para conseguir unha verdadeira adaptación da PAC ás peculiaridades de cada un dos territorios que conforman a Unión Europea, e en particular ás condicións do agro galego, contemplando factores coma o minifundismo, o tipo de solos, o relevo do terreo, o clima ou o carácter familiar das explotacións profesionais. Todas estas condicións deben respectarse, segundo o Goberno autonómico, á hora de regular a nutrición dos solos, o uso de fitosanitarios ou adaptar os ecorexímenes á realidade dos territorios.

 

Por iso, reclámase unha moratoria urxente e temporal da nova lexislación comunitaria que está a impoñer trabas a agricultores e gandeiros, co fin de abrir un período de reflexión que desemboque no redeseño das políticas cuestionada, apostando por unha redución da carga administrativa de agricultores e gandeiros, en cuestións fundamentais como flexibilizar o uso do caderno dixital ou a figura do veterinario de explotación. Ademais, Galicia remarca a necesidade de introducir dun xeito obrigatorio cláusulas espello nos tratados internacionais, primando a transparencia no mercado e con prezos xustos, e garantindo, a nivel estatal, o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.

Data de actualización: 04/03/2024