A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, traslada por carta a Óscar Puente a preocupación e o malestar do Goberno galego ante o último incumprimento dos prazos avanzados para a chegada do AVE ás cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo

A Xunta exixe ao Ministerio de Transportes a creación dun grupo de traballo con Talgo para facer seguimento dos trens Avril e abordar as compensacións aos galegos

O Goberno galego considera necesario que se expliquen oficialmente os motivos polos que o 1 de marzo non se puxeron á venda os billetes dos trens Avril, como anunciara o propio ministro, e que se ofreza un calendario real sobre as probas e a formación dos maquinistas

A conselleira lembra que o Executivo central ofreceu diferentes datas para a chegada dos trens AVE de ancho variable ás cidades, desde 2021 ata agora, e todas foron sistematicamente incumpridas

Apunta que a Xunta acolleu con escepticismo o anuncio feito polo ministro de Transportes na precampaña das eleccións autonómicas galegas, o 5 de xaneiro, cando avanzou que os trens Avril entrarían en servizo no primeiro trimestre de 2024

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

A Xunta exíxelle ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a creación dun grupo de traballo no que estean integradas a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a empresa Talgo co fin de facer un seguimento exhaustivo do proceso encamiñado á posta en servizo dos trens Avril e abordar as medidas de compensación aos galegos por este novo retraso.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, remitiu hoxe un escrito ao ministro Óscar Puente para trasladarlle a preocupación e o malestar da Xunta ante as noticias da nova dilación sine die no prazo para a chegada dos trens Avril, e ante a incerteza, tamén, sobre o número de unidades que se van a asignar á liña Galicia-Madrid.

 

Segundo sinala, o Goberno galego considera necesario que se expliquen oficialmente os motivos polos que o 1 de marzo non se puxeron á venda os billetes dos trens Avril, tal e como anunciara o propio ministro, e que se ofreza un calendario real sobre as probas e a formación dos maquinistas.

 

Do mesmo xeito, exíxelle ao Ministerio a concreción nas medidas desde o Goberno central para compensar aos galegos “por este novo atraso e este novo agravio”. A ese respecto, lembra que Galicia foi inxustamente excluída das medidas compensatorias ofrecidas ás comunidades de Asturias e de Cantabria cando se constatou o retraso na entrega trens de ancho métrico por erros nas medicións.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, subliña que a chegada dos trens Avril é un asunto estratéxico para Galicia,  xa que se trata de completar a alta velocidade máis aló da cidade de Ourense, permitindo que chegue tamén ás urbes da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo.

 

A Xunta lamenta a falta de resposta ás reiteradas solicitudes de información por parte do Goberno galego ao Ministerio, na que se amosasen certezas e concreción sobre o proceso de fabricación e homologación deste material rodante, ademais da evolución da formación de maquinistas, que debe contar coa autorización da Axencia de Seguridade Ferroviaria.

 

Ethel Vázquez lembra as distintas datas anunciadas para a posta en servizo comercial dos trens Avril ao longo dos últimos dous anos polo o Goberno de España, desde 2021 ata agora, lembrando, ademais, que os últimos anuncios coincidiron con períodos preelectorais.

 

En concreto, con data de 5 de xaneiro, na precampaña das eleccións autonómicas en Galicia, o ministro Óscar Puente asegurou que eses trens circularían pola liña Galicia-Madrid no primeiro trimestre de 2024, anunciando o inicio da venda de billetes o 1 de marzo. A conselleira en funcións sinala que a Xunta acolleu con escepticismo ese anuncio e agora, lamentablemente, constata que tiña razón para facelo.

 

Ethel Vázquez destaca que en Galicia predomina un sentimento de fartazgo ante este novo retraso, unha reacción que, segundo o coñecido polos medios de comunicación, comparte o Goberno de Asturias, afectado, tamén, por esta nova demora.

Data de actualización: 04/03/2024