A Xunta activa a alerta laranxa por choiva en Lugo, Ourense e Pontevedra
Agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta acaba de activar a alerta laranxa por choiva no centro e sur da provincia de Lugo; no sur, noroeste e Miño de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Ante as fortes chuvias e o vento, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventás.