A Xunta convoca as axudas para fomentar o uso do idioma galego en colexios e institutos

O obxecto desta iniciativa é financiar as actividades que desenvolven os equipos de dinamización lingüística co fin de promover a utilidade da lingua entre a rapazada

Os centros dispoñen de prazo ata o 28 de xaneiro para presentar a solicitude

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia destina un total de 385.000€ a colexios e institutos sostidos con fondos públicos para que desenvolvan iniciativas de fomento do uso do idioma galego nas aulas durante este curso 2022-23.

 

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as convocatorias para que os centros poidan acollerse a esta liña de axudas que articula cada ano a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para todas as etapas educativas non universitarias co fin de contribuír a financiar as actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado. Todos eles dispoñen ata o 28 de xaneiro para presentar as solicitudes, preferentemente de xeito telemático, tal e como pode consultarse no Portal da Lingua.

 

Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua galega deberán presentar os seus proxectos e actividades, que serán posteriormente valorados e puntuados para a determinación das contías. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 220 e os 1000 euros en función do número de alumnos.

 

Criterios de valoración

En canto aos criterios de valoración, a calidade do proxecto terá un peso do 80% da puntuación total. Para isto teranse en conta unha serie de variables como o grao de implicación dos membros da comunidade (familias, profesorado e persoal de administración e servizos), o nivel de utilización de novas tecnoloxías (páxinas web, blogs, redes sociais, códigos QR, materiais audiovisuais, robótica...), o grao de colaboración con outras institucións ou entidades externas e con outros centros e o carácter plurianual das actividades. O 20% restante asígnase en función do número de matrículas.

 

Con estas axudas anuais o Goberno galego busca reforzar a dimensión comunicativa do galego en contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.