O 061 de Galicia pide precaución ante o aumento de desprazamentos nas festividades do Nadal

Durante as festividades de 2021, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 287 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 219 asistencias. Nelas atendeuse a 280 persoas, das que tres faleceron no punto do incidente

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022.- 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma galega reitera, un ano máis, o seu chamamento aos condutores e aos peóns para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade.

 

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda, ante a previsión dun maior número de desprazamentos, aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.

 

A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente a ter en conta polos condutores. É importante que os mesmos se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso. Ademais, débese evitar o consumo de alcohol porque os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producirse, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.

 

Cómpre lembrar aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas, xa que as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.

 

Balance Nadal 2021


Nas festividades do ano pasado, desde as 15 horas do xoves 24 de decembro de 2020 ata as 23,59 horas do mércores 6 de xaneiro de 2021, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 287 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 219 asistencias,que atendeu 280 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64% e do 36% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 34% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

 

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 85 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
 
 
 
 
Provincia
Accidentes
A Coruña
81
Lugo
18
Ourense
35
Pontevedra
85
Galicia
219
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 258. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 40 accidentes e as ambulancias asistenciais de soporte vital básico atenderon en 201 sinistros e os médicos de atención primaria que medicalizan os recursos asistenciais de soporte vital básico, no caso de ser necesario en 17 ocasións.

 

En 229 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en   48 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e tres persoas faleceron no punto­.

 

Como actuar ante un sinistro de tráfico

Ante un accidente de tráfico é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061 e non intervir se non se sabe como.

 

A persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados, cantos máis datos se lle dean máis se axudará na súa tarefa.

 

Lembre que é necesario facilitar a situación exacta do lugar do accidente e o estado dos feridos para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso.

 

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, trate de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectante ou rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente antes e despois do lugar no que ocorreu.

 

É importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas se poden salvar se son tratadas dun modo axeitado.