A Xunta impulsa a creación dun centro de investigación empresarial de Mestrelab en Santiago enfocada aos sectores farmacéutico e biotecnolóxico

A nova infraestrutura, que se localizará na contorna do Campus Vida da USC, mobilizará 9,8 millóns de euros e permitirá a contratación de 30 persoas investigadoras

Contribuirá aos obxectivos da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, e especialmente favorecerá o crecemento e internacionalización das capacidades galegas na bioinformática
 

Santiago, 30 de decembro de 2022.-

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia apoiará a creación dun centro de investigación empresarial vencellado a Mestrelab Research en Santiago de Compostela especializado en software científico orientado aos sectores farmacéutico e biotecnolóxico. Este centro contará cun investimento público de 4,2 millóns de euros, sumando unha mobilización total (público-privada) de 9,8M€.

 

O centro de Mestrelab desenvolverá un proxecto que ten como misión acelerar a investigación para o deseño de novas ferramentas dixitais de alto valor engadido para os sectores farmacéutico e biotecnolóxico en Galicia. Aspira a actuar como espazo neurálxico para unha comunidade de tecnólogos e científicos dos sectores dixitais e das ciencias da vida.

 

Con este centro, Mestrelab avanzará na súa investigación en novas ramas científicas relativas á intelixencia artificial e algoritmia avanzada aplicada en bioloxía estrutural, o que permitirá melloras nas técnicas de instrumentación para o estudo de macromoléculas, análise de datos de química sintética e o procesado de datos en espectrometría de masas exacta.

 

O centro localizarase na contorna do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela. A empresa -spin off da USC que desde 2018 pertence á multinacional Bruker Inc-  comprométese a contratar a un mínimo de 30 investigadores e tres persoas de apoio á xestión antes de finalizar os investimentos en 2025, aínda que a previsión da compañía é empregar o apoio recibido para acelerar o crecemento do seu departamento de I+D en Santiago.

 

Este centro contribuirá aos obxectivos da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, e especialmente favorecerá o crecemento e internacionalización das capacidades galegas na bioinformática. Esta actuación contribúe ao posicionamento de Santiago e a súa contorna como referencia na biotecnoloxía que, xunto co centro de servizos avanzados na Sionlla, contribúen á visibilidade de Galicia como biorrexión.

 

Mestrelab Research, creada en 2004, está especializada no desenvolvemento de software de procesado e análise de datos de laboratorio e actualmente emprega a máis de 70 traballadores. O centro tamén contribuirá ao posicionamiento de Galicia como referencia para o grupo Bruker que está a traballar na estratexia de especialización en software a nivel mundial, que se baseará en Santiago como consecuencia do apoio da Xunta de Galicia ao novo centro de Mestrelab.

 

Esta liña de axudas é pioneira en Galicia e só existe en España outra de similares características a nivel estatal -no Páis Vasco-. A Xunta aspira así a seguir reforzando a I+D empresarial galega e dar continuidade a outros programas como a Fábrica intelixente ou as Unidades mixtas de investigación.