Diego Calvo pon en valor o auxe do judo feminino con máis de 2.700 mulleres federadas neste deporte

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, asistiu a varios adestramentos nas ‘XIV Xornadas Internacionais de Judo-Nadal 2022. Deporte en feminino’, organizadas pola Federación Galega de Judo co obxectivo da promoción das mulleres no deporte

As medallistas internacionais María Bernabéu, Sara Álvarez e Laura Bajo son as encargadas de dirixir os adestramentos nesta edición, na que tamén participa o dobre campión mundial Nikoloz Sheradishvili

A Coruña, 28 de decembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nas XIV Xornadas Internacionais de Judo. Nadal 2022. Deporte en feminino, onde puxo valor a importancia deste evento para visibilizar as deportistas, adestradoras, árbitras e federativas desta disciplina co obxectivo de impulsar a promoción das mulleres no ámbito deportivo. Así, destacou o auxe do judo feminino nos últimos anos, como acreditan as máis de 2.700 mulleres que practican hoxe en día este deporte de xeito federado na comunidade. 

 

As xornadas, organizadas pola Federación Galega de Judo, van dirixidas a judokas femininas, aínda que tamén participan judokas masculinos. Contan con representantes da elite do judo galego feminino e este ano as clases técnicas están a ser impartidas baixo a dirección da directora deportiva da federación, Mónica Pacheco, e a cargo da dobre medallista mundial María Bernabéu e as tamén medallistas internacionais Sara Álvarez e Laura Bajo.

 

Diego Calvo destacou que as tres son grandes referentes para as futuras xeracións, tanto polo seu nivel sobre o tatami e os seus éxitos, como polos valores do deporte e sobre igualdade que inculcan á rapazada en xornadas como ás de hoxe.

 

As tres mestras desta edición contan con axuda doutras judokas internacionais como Laura Martínez e Sara Rodríguez, ou novas promesas como Laura Vázquez ou Eva Pérez. Laura Boja e Laura Vázquez forman parte dos 168 deportistas que se adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

 

Tamén asistiu o dobre campión mundial Nikoloz Sheradishvili. Nesta liña, o vicepresidente segundo da Xunta sinalou que tanto a salmantina Bernabéu como o xeorxiano Sheradishvili son un orgullo para Galicia ao escoller a comunidade por motivos deportivos e converterse en dous dos mellores judokas do mundo e da historia do deporte galego.

 

Diego Calvo tamén fixo referencia o auxe do judo entre a rapazada a través do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar), que agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración autonómica (escolar e federada), con case 5.000 participantes de 6 a 16 anos na última tempada en actividades relacionadas con esta disciplina. Ademais, amosou o compromiso da Xunta co judo con máis de 1,7 millóns de euros investidos desde 2016 en programas coma Xogade ou o Plan Corresponsables, patrocinios, becas a deportistas e apoio a equipamentos e organización de eventos.

Imaxes relacionadas