A Xunta adquire 3 parcelas en Ourense para construír preto de 70 vivendas de promoción pública

Ángeles Vázquez explica que este proxecto será realidade grazas a un investimento de case 12 M€, dos que algo máis de 1 M€ se destina á compra das parcelas, propiedade da Sareb, e preto de 11 M€ á construción de 3 inmobles

Ourense, 28 de decembro de 2022

  A Xunta de Galicia adquiriu 3 parcelas en Ourense para construír preto de 70 vivendas de promoción pública que se destinarán ao alugueiro para familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM -20.265 euros anuais aproximadamente-, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante a visita que realizou aos terreos, que foron adquiridos á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), Ángeles Vázquez explicou que este proxecto será realidade grazas a un investimento de case 12 millóns de euros, dos que algo máis de 1 M€ se destina á compra das parcelas e preto de 11 M€ á construción de 3 inmobles. Ademais, esta actuación contará tamén con fondos europeos -50.000 euros por vivenda-.

 

A previsión da Xunta é poder licitar o contrato de redacción do proxecto no primeiro trimestre de 2023 para poder adxudicar as obras en 2024 e que as novas vivendas sexan unha realidade en 2026.

 

Ourense súmase así ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo, onde o Goberno galego ten previsto construír 500 vivendas de promoción pública enerxeticamente eficientes. De feito, tal e como sinalou a conselleira, “Ourense é prioritario na axenda da Xunta e un dos temas claves é dar solución á demanda de vivenda pública e facémolo coa maior axilidade posible nos trámites”.

 

A maiores, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ultima a compra de 55 vivendas por un importe de 3,9 millóns de euros para reforzar o seu parque público residencial destinado a alugueiro nunha trintena de concellos onde existe este tipo de demanda. Estes inmobles, propiedade de Abanca e cedidos temporalmente ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en virtude dun convenio asinado en 2019, cualificaranse como de promoción pública e destinaranse a alugueiro a prezos accesibles durante un período mínimo de 50 anos

Imaxes relacionadas